Centro comercial Ventorrillo

Hoxe o voceiro do grupo municipal de EU-V na Coruña, César Santiso, desenvolveu unha rolda de prensa conxunta, a pe do rexistro municipal, con representantes dos veciños e veciñas que viven nos edificios situados preto da infraestrutura comercial do Ventorrillo.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que informe á veciñanza sobre a situación de abandono do centro comercial do Ventorrillo que outrora fora neurálxico no barrio, mais na actualidade presenta un estado desolador con ducias de locais comerciais pechados, incluídos o supermercado e a Farmacia que daban servizos básicos. Apesares da repetidas denuncias dos veciños e veciñas e as solicitudes de xuntanza co goberno municipal, a única información que reciben é a que aparece na prensa a través dunha asociación que, segundo eles mesmos denuncian, é afín ao goberno local, non lles representa, nin se comunica con eles, nin coñece a realidade da situación e ademais falta a verdade nalgunhas das súas afirmacións.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes acompañou aos veciños e veciñas do Ventorrillo no rexistro da solicitude de reunión co tenente de alcalde Julio Flores diante do ninguneo sometido durante ano e medio polo goberno municipal apesares de contar co aval de 2000 sinaturas. Efectivamente o día 3 de febreiro de 2012 as veciñas e veciños do Ventorrillo solicitaron unha xuntanza coa tenente de alcalde María Luísa Cid, para expoñerlle a falta de servizos básicos no barrio e o lamentable estado no que se atopa a infraestrutura comercial e aínda están a esperar resposta. Tampouco o PP colmou as súas expectativas na resposta a unha pregunta escrita de EU-V datada en setembro de 2012, que emanou da Asemblea de Barrio desenvolvida por EU anteriormente e que foi aprobada pola unanimidade da veciñanza.

César Santiso, indicou que “lamentamos que o goberno municipal negue a evidencia e pretenda culpabilizar ao noso grupo de “alarmismo social” polo mero feito de informar das actividades ilegais que causan molestias á veciñanza”. Santiso referíase así a resposta do PP a pregunta oral do pleno do abril e as ultimas informacións aparecidas en prensa. Os propios veciños teñen denunciado en innumerables ocasións que os fins de semana e principalmente polas noites desenvólvense festas xuvenís nalgúns locais e que outros utilízanse como locais de ensaio, todo elo sen declarar as devanditas actividades e, xa que logo, sen a correcta adecuación dos locais o que fai que se incumpran, entre outras, a normativa medioambiental, impedindo o correcto descanso da veciñanza que na mañá seguinte se atopan coa zona chea de refugallos, ouriñes e vómitos.

 

Finalmente, o voceiro de EU lamentou a miopía do PP que “en lugar de dar solución ao problema prefire matar ao mensaxeiro. Non somos nos que coas nosas denuncias impedimos o desenvolvemento desta zona comercial, senón que é o propio goberno local coa súa apatía e desidia, quen ademais crea malestar veciñal coa súa opacidade”.

Relacionados