O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama á Xunta de Galicia que proceda de inmediato á apertura do Centro de Día de Maiores de Caranza, que xa está rematado e que dorme un soño inxusto e ineficaz.
A nosa organización é coñecedora do notable volume de demandantes que ten o barrio e a cidade neste eido de servizos. Para nós semella unha prioridade que unha infraestrutura que nos dota dun servizo básico se poña a funcionar toda vez que xa rematou a súa construción.
Yolanda Díaz salientou que a Xunta de Galicia non pode adiar a apertura máis tempo por oportunismo electoral cando hai unha demanda insatisfeita deste servizo no barrio e na cidade. Cómpre servir ao interese xeral e pór en funcionamento de inmediato este equipamento social, comprometido polo anterior bipartito. Xa que é evidente a febleza do noso Estado do Benestar non cabe soportar que cando se conta cun equipamento non se aproveite ao máximo. Neste caso máis aínda, se deixa pechado.
Demandamos do Goberno Municipal unha actitude esixente para que a nosa cidadanía e o barrio de Caranza poidan contar con este equipamento xa.
O estudo sobre a dependencia na nosa cidade elaborado pola nosa organización fixou unha estimación de dependentes e das infraestruturas necesarias para a súa axeitada atención que dista moito de estar satisfeita e máis cando o pouco que hai mantense pechado sen razón aparente.
O noso estudo precisou a necesidade de 6 centros de día cunhas 30 prazas cada un, até sumar os equipamentos precisos para un total de 180 prazas. E xunto con isto a nosa previsión en materia de dependencia ( gran dependencia e dependencia severa ) supón estimar unha necesidade dunhas 657 prazas residenciais. Números todos eles que nos moven a reclamar a meirande dilixencia por parte da Xunta de Galicia para pór en funcionamento o devandito Centro de Día de Maiores.