O encontro do venres pasado coas entidades que traballan no eido da inclusión social deixa ás claras a necesidade de colaborar, compartir recursos e iniciativas e dotármonos dos recursos necesarios para desenvolver as políticas de inclusión social na nosa cidade. Lembrar o xeralizado incremento das persoas usuarias destas medidas de axuda social no tempo en que a crise económica capitalista está destrozando vidas e fogares da nosa cidadanía.
Esquerda Unida pídelle ao Goberno da cidade que asuma este equipamento como un elemento necesario para combater as consecuencias dunha crise económica e social que vai para longo. Xunto a este elemento, a formación política de esquerdas e ecoloxista propón a elaboración dun Plan Municipal de Inclusión Social que permita ampliar e darlle un formato coherente e integrador a todas as accións que neste eido se realizan na cidade.
Son varias as cuestións que semella necesario abordar no Plan Municipal de Inclusión Social, para superar a inmediata atención de emerxencia ( aloxamento, alimentación, etc,.) e darlle as ferramentas e axudas necesarias ás persoas usuarias para que poidan recuperar a súa vida. Para EU, o equipamento se concibe como un centro polivalente, que permita atender tamén aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia e integrarse de novo na sociedade, así as de carácter sociosanitario e sociolaboral, para propiciar a recuperación das persoas usuarias.
A proposta de elaboración do Plan Municipal de Inclusión Social ten que realizar un primeiro estudo das condicións de vida e da pobreza relativa e a exclusión social na nosa cidade para logo desenvolver unhas áreas de intervención na economía e no emprego, a educación e a saúde, o urbanismo e a vivenda, os servizos sociais, a cultura e a participación cidadá e tamén no lecer e o deporte.
Esquerda Unida levará este tema ao Pleno do concello de Ferrol, mediante unha moción que sirva para lanzar este debate, chamar a atención sobre a urxencia e relevancia desta actuación municipal e para gañar o compromiso de todos os Grupos Municipais con esta cuestión.