Centro de menores Ferrol II

Se pechou un centro con despedimentos de persoal contratado cualificado para proceder a privatizalo de xeito extraordinariamente caro e sen transparencia para atender a menores que teñen que permanecer internados por resolución xudicial. Todo isto vainos custar, por 16 fins de semana, un total de 47.000 euros.  Despilfarro, obscurantismo e unha política orientada a privatizar todo, para reducir dereitos a mercadorías.

Os menores que van quedar baixo a privatización van sufrir que os seus datos persoais os manexe non a administración pública senón unha empresa privada. A política de protección de menores esixe, pola particular natureza sensible das persoas usuarias, un control público exhaustivo, que garanta os dereitos dos menores e que non os menoscabe  en favor da rendibilidade de negocios privados. Non é así baixo o imperio do lucro privado que comanda en Galicia Feijóo, home de palla de intereses económicos privados, que lastiman os servizos públicos que son dereitos da nosa condición de cidadanía social que consagra a Constitución.

Esquerda Unida reclama da Consellaría unha RECTIFICACIÓN da súa política privatizadora e que a tutela dos menores con infraccións que requiren un internamento  de fin de semana se faga en centros con xestión directa da Xunta e con persoal que acredite a súa cualificación mediante o sistema de oposición, baseado no mérito, a igualdade e a capacidade: suporá garantir dereitos aos menores e as súas familias, e garantirá un aforro respecto de licitacións que somentes serven para que algún empresarios privados ben conectados coa Xunta fagan negocios cos dereitos dos menores.

Hai que salientar negativamente que a licitación deste contrato se faga sen publicidade: o contrato o leva quen lle da a gana a consellaría de Traballo e Benestar. Nome orwelliano diante da práctica que desenvolve de xeito efectivo, a de xerar paro e malestar social.

 

Relacionados