Xa no anterior mandato corporativo EU formulara unha iniciativa para que este inmoble acollera o centro social de Esteiro, como espazo dinamizador da vida social do barrio.
Esquerda Unida entende que este inmoble podería xogar un papel sobranceiro na dinamización social do barrio, cun pequeno investimento que dotaría a Esteiro dun espazo propio para desenvolver accións e iniciativas cidadás nun barrio con moita poboación, unha poboación máis nova e que incluso acolle as instalacións da universidade coa torrenteira de xente nova nel.
EU pídelle a alcaldía que encare un proceso de negociación para conquerir o uso dun inmoble que hoxendía resta sen utilización e que pode rendir notables froitos como equipamento público para a veciñanza do barrio de Esteiro. Cómpre que a alcaldía se comprometa nunha iniciativa que permitiría saldar unha vella débeda coa poboación de Esteiro, que resta sen centro social, que poida pular pola vida social e comunitaria do barrio.
EU anima ao Goberno Municipal a amosar algunha iniciativa que sexa produtiva para a nosa veciñanza: este goberno ten que demostrar que sabe facer outras cousas aparte de derrubar edificios significativos da nosa historia ou enterrar máis cartos na desfeita da praza de España.
Obediencia e parálise veñen caracterizando o mal quefacer deste Goberno; cómpre pór remedio a esta situación, que deixa sen atender as necesidades da nosa veciñanza nos barrios e parroquias da cidade. Esteiro adoece dun centro social para o barrio, a pesares de contar cunha notable poboación e unha moi activa asociación veciñal implicada na construción de tecido asociativo. É tempo de que o Goberno Municipal actúe en favor do interese xeral.