César Santiso elixido coordinador comarcal

 

 

O recen elixido Coordinador Comarcal, César Santiso, expresou a honra que supón a confianza depositada por parte da afiliación da bisbarra coruñesa. Asemade, indicou que o grande esforzo persoal que suporá o compromiso que ven de acadar, queda cuberto sobradamente polo feito de poder traballar a prol da maioría social da comarca coruñesa, á cal a nosa organización aspira a representar.

 

O Coordinador Comarcal subliñou o feito da unanimidade acadada, tanto para a elección do CPC fai uns meses, como para a Executiva e a Coordinación Comarcal. “A elección por unanimidade ven a demostrar a grande cohesión interna que ten na actualidade Esquerda Unida, o que nos está a permitir despregar toda a nosa actividade cara ao exterior, atendendo as necesidades concretas da cidadanía coruñesa”. Feito que se pode constatar nestes últimos tres meses, dende que o novo CPC comezou a desenvolver o seu traballo, mediante a constante participación de EU na vida política e social coruñesa, denunciando as eivas de xestión, rexeitando as políticas privatizadoras, desenvolvendo propostas alternativas, asemade de apoiar as distintas mobilizacións e reivindicacións dos distintos colectivos.

 

Segundo expresou César Santiso, a Executiva deseñouse para que poida atender de maneira áxil aos problemas concretos da cidadanía, xa que logo, apostouse por unha executiva reducida, moza e dinámica, na que cada un dos seus membros coordine a un grupo de traballo de afiliados e simpatizantes como semente da creación das áreas de elaboración colectiva, que profundarán na democracia participativa na que EU quere involucrar a cidadanía, sabedores que outra política non so é posíbel, senón que é necesaria. Así, a nova Executiva queda formada, ademais da Coordinación Comarcal, por: Jorge Gil Morabes, responsable de Organización, Elena González responsable de Política Municipal, Miguel Novoa, responsable de Movementos Sociais e Álvaro Trillo responsable de Medio Ambiente.

 

Finalmente Santiso indicou que a súa responsabilidade na Coordinación Comarcal ven aparellada coa súa total implicación na política coruñesa. Motivo polo cal abandona o seu cargo de responsable de organización nacional, aínda que mantén a súa presenza na Executiva Nacional, porque como el mesmo indica “Isto é un traballo colectivo, non é bo que ninguén acapare responsabilidades, ademais hai que conciliar a vida familiar”.

 

Entrevista a César Santiso como nuevo coordinador comarcal en La Opinión

Entrevista a César Santiso cuando todavía era responsable de organización nacional

Relacionados