Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2012.- O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda lamenta que a receita da Xunta de Galicia para aliviar o abafo que sinten os traballadores e traballadoras en Galicia sexa enviarlles cartas de cese. Esto é o que acontece coas 109 persoas que desenvolven desde hai catro anos a súa función de orientación laboral nas oficinas públicas de emprego.
Se hai uns días o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a través dos seus deputados Antón Sánchez e Xabier Ron, reuníase con representantes dos 109 traballadores e traballadoras, e decidía presentar no Parlamento diversas iniciativas para interesarse pola visión do goberno galego ante a necesidade de que se manteñan o servizo e os postos de traballo, desde onte estes mesmos representantes informan que este goberno xa lles está mandando a carta de cese. Comezaron pola provincia de Ourense e desde mañá cada un e cada unha das traballadoras recibirá esa fatídica carta, sen telos informado previamente do seu futuro. “Con premeditación e alevosía, o goberno do Sr. Núñez actúa como dinamitador do emprego e da cohesión social” aseguran desde o Grupo Parlamentario.
Máis destrución de emprego. Máis fogares desolados ante o futuro e nunha das datas máis esixentes no económico para as familias galegas. Os datos amosados polos representantes na xuntanza que mantiveron os membros de Alternativa Galega de Esquerda reflicten que nestes anos de naufraxio laboral fixeron un inxente traballo en cuestión de orientación e realización de itinerarios de emprego. As persoas que acoden á procura de emprego xa os coñecían e valoraban de forma moi positiva a súa dedicación e atención. “Agora, por riba, o goberno de dereitas déixaas soas” denunciaron.
O PP ameaza con destruír todo vestixio do estado de “medioestar” galego. Desde Alternativa Galega de Esquerda denunciamos as prácticas destrutivas do goberno de Feijóo. “No seu discurso de investidura vendeu o conto ao pobo galego de que vivimos nunha Galicia solvente e saneada. O despido de traballadores e traballadoras en Nadal amosa que vivimos, en realidade, nunha Galicia insolvente, que vai directa ao baleiro” defenden desde o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda.
Por iso os deputados parlamentarios reclaman unha volta atrás nesta práctica destrutiva, que se prolongue a actividade laboral dos 109 orientadores laborais e que se fortaleza o servizo público de emprego.




