Contra un goberno ilexítimo e unhas políticas criminais, Esquerda Unida reclama un referéndum cidadá para validar unha política que nos saque da crise sen afogar ás persoas.
“Como no caso das hipotecas, do escándalo do roubo das vivendas pola banca, vai ser a forza unida da xente do común, da clase traballadora, , a que vai derrotar a política de sangue, suor e bágoas dos gobernos do PP”, subliña Xosé María Dobarro, o Coordinador comarcal de Esquerda Unida.
Son tempos que requiren da participación de todas e todos nunha loita común na procura de defender os dereitos gañados na loita contra a ditadura e nos primeiros anos da recuperación das liberdades. Ou os detemos ou devastan o conxunto de dereitos e liberdades que dan sentido a un réxime democrático.
As políticas neoliberais son inútiles para saír da crise cun mínimo de xustiza social, ao profundar na depresión económica e a subseguinte devastación social. Cómpre artellar unha política nova, que defenda os intereses da xente do común, da clase traballadora, no canto de encher os petos de banqueiros, defraudadores e grandes empresarios.
As mulleres e homes de Esquerda Unida conformando parte da Alternativa Galega de Esquerda, van sumar forzas nos piquetes informativos que no día da FOLGA XERAL van tentar axudar a respectar os dereitos das persoas traballadoras, a que as traballadoras e traballadores poidamos exercer o noso dereito de folga malia as chantaxes patronais e as mentiras dos gobernos do PP.