manifa 29 abril 2012.jpg - 13.04 Kb

Chamamento á mobilización

Esquerda Unida comparte e apoia unha mobilización que abre un escenario de obrigadas loitas unitarias en defensa dos nosos dereitos básicos de cidadanía.

Mobilización provocada pola desacougante obediencia que amosa o goberno ás directrices dos ricos e poderosos, que vía Comisión Europea e FMI tenta devastar socialmente o noso país, acabando cos dereitos económicos e sociais e producindo unha guerra social contra este pobo. Políticas neoliberais que lonxe de arranxar algo agravan as doenzas que sofre un corpo social traballador que leva no seu lombo a carga dos beneficios que enchen os petos das grandes empresas privadas.

O Consello comarcal de EU está a traballar para erguer unha loita global, solidaria, de todos os conflitos sociais, da mineiría ao ferrocarril, sostida de xeito unitario como requisito necesario para derrotar a un goberno ilexítimo que pecha vidas e esperanzas para que algúns poidan seguer a gañar millóns de euros. Goberno ilexítimo porque enganou á cidadanía sobre medidas que negou na campaña electoral que fora a aplicar. Se quere aplicalas terá que convocar un referéndum, pois do contrario estamos ante un fraude e unha acción pública ilexítima, non democrática.

Nunha cidade afogada pola inacción culpable do PP co sector naval e as políticas de reindustrialización e diversificación industrial, a nosa cidadanía ten que ser firme e consciente do valor de sermos rebeldes e protestar para defender os nosos dereitos a ter traballo e un futuro na nosa terra. O PP ataca a todos e todos temos que defendernos dos obedientes gobernantes

Esquerda Unida denuncia que se dan máis e maís cartos, 2 puntos das cotizacións sociais ao empresariado en troques de nada, porque nin se crea emprego nin este é estable; non se recorta á igrexa nin as retribucións e conexións escandalosas da xente do poder, dende o xenro do xefe do Estado ate os ex políticos colocados nas grandes empresas privatizadas. Nesa maridaxe obscena que liga políticas de dereitas e poder económico nada padece. Os paus e as agresións, os recortes e as perdas de dereitos son para nós, o pobo. Será nas rúas onde imos loitar pola xustiza e o benestar da nosa cidadanía.

 

Relacionados