Chamamento á Rebelión.

Esta grave situación de desigualdades sociais non deixa de medrar e require de poñer en marcha un proceso de rebelión cidadá.

Esquerda Unida iniciou onte unha campaña en todo o Estado para que o pobo recupere a dignidade e os dereitos dos que os nosos gobernantes nos están a privar. Esquerda Unida deu inicio onte 26 de xullo en todas as cidades do estado español a unha campaña de “Chamamento para unha rebelión democrática” baseada nun MANIFESTO presentado polo coordinador xeral de IU Cayo Lara o pasado venres nas portas do Palacio da Moncloa.

Esquerda Unida considera un éxito rotundo a acollida desta iniciativa por parte da cidadanía. Nas principais cidades galegas levouse a cabo o reparto do manifesto de chamamento á rebelión e a recollida de sinaturas para solicitar un referendo, que someta á opinión da cidadanía as políticas que está a aplicar o PP, que non están reflectidas no seu programa electoral e que converten a súa acción de  goberno en ilexítima.

Diante deste escenario, Esquerda Unida chama á cidadanía á rebelión democrática para derrotar ao goberno e á súa política antisocial, porque chegou o momento de que nos organicemos e que converxan todos os sectores, colectivos e persoas que están sometidos ou padecen os recortes, que non teñen outro obxectivo que facernos retroceder cincuenta anos, e que podemos considerar un golpe antidemocrático contra a maioría da sociedade.

Esta rebelión ten que parar os recortes e cuestionar as políticas que os fundamentan, derrotar a lóxica da estabilidade orzamentaria e acabar coa idea de que o déficit e a débeda están por riba do benestar das persoas e dos dereitos democráticos. Asi mesmo, debe servir para lograr que o pobo se pronuncie e tome nas súas mans os destinos do país para facer pagar a crise aos seus autores, aos especuladores, aos estafadores financeiros consentidos e estimulados polas elites antidemocráticas que rexen os destinos da actual política da Unión Europea, pactada pola socialdemocracia e a dereita dos países europeos.

A coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, que valora esta iniciativa tan exitosa coma necesaria, indicou que “seguiremos na rúa para loitar polos nosos dereitos, contra os recortes sociais e contra a actual involución política”.

Relacionados