“Veño defender a convocatoria de Xulio, xunto con todas as candidaturas de unidade popular”. Así comezou a falar esta tarde no Palexco de A Coruña a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, quen apelou “á unidade da esquerda, que quere estar ao servizo da xente, para facer unha proposta de Marea Galega que se leve os corruptos e que acabe coas inxustizas”.
Inxustizas e problemas que afectan directamente a xente, tales como o paro, os desafiuzamentos, os nenos e nenas que non poden ter un mínimo de tres comidas ao dia, as mulleres que somos dobremente vítimas dos recortes ou os traballadores pobres (un de cada tres). Neste sentido, Díaz citou que “estamos aquí para loitar polos nosos dereitos e contra os recortes, construíndo un programa para mudar as cousas” e que, ademais, “garanta un estado de benestar forte”.
No acto de hoxe, tanto a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, como o candidato á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), Pablo Iglesias (Podemos), Antón Sánchez (Anova) e Rosa Martínez (Equo), tiveron moi presente que agora é o momento de traballar xuntos, “gañando todo o apoio da xente de esquerda co inimigo común da corrupción”, que “tamén é que goberne quen non se presenta ás eleccións”.