Cidade amable coas bicicletas

Esquerda Unida anima a que o concello celebre o día da bicicleta os 365 días do ano, e faino con total seguridade debido ao inxente número de exemplos que así o demostran. No temos que recorrer aos exemplos estranxeiros de sempre, dado que aquí cidades coma Sevilla, fixeron posible un cambio de modelo do cal están xa a percibir melloras. Con todo, vemos de constatar que o goberno municipal segue a lle dar as costas a este medio de transporte tan importante no desenvolvemento do que se entende por mobilidade sostible. A propia liña de promoción desta xornada: “la jornada que fomenta el deporte en familia” está moi lonxe do que este medio de transporte pode chegar a supoñer para a cidade: mellora da mobilidade, reducións de emisións de CO2 e de contaminación acústica, diversificación turística, en definitiva, incremento do benestar e da saúde individual e colectiva, razón pola cal animamos ao concello a que este sexa un día de celebración por este motivo, pola aposta decidida a que este medio ocupe o lugar que lle corresponde, se é que realmente está nas intencións do goberno, mellorar a calidade de vida da súa cidadanía.

O grupo municipal de Esquerda Unida– Os Verdes pula para que este día supoña a conmemoración de que a Coruña posúe unha mobilidade que prioriza ao peón, á bicicleta e ao transporte público de calidade sobre dos vehículos privados a motor. Denunciamos que a bicicleta non está a ter a cabida que merecería no deseño do PMUS que o concello lle outorgou, como ten costume, a unha empresa privada. Tan só esperamos que o informe, que está a piques de ser entregado, e que tivo un custe de 492.250 euros, compense, dado que xa existía outro que foi rexeitado pola concellería do goberno popular. Sobre do mesmo, temos que lamentar que está a ter unha participación bastante irregular, dado que puidemos comprobar que nin comprendía un método de traballo para a mesma, nin convocou a significativas organizacións que están a reivindicar melloras de seguridade viaria e da propia mobilidade na cidade.

O voceiro de EU-V, César Santiso indicou que “unha aposta por este transporte resulta beneficiosa para toda a cidade, tanto para aqueles que usan a bici de xeito cotiá como para os que non”, asemade apuntou que o esquecemento do uso da bici que semella acontecer no PMUS pode repercutir negativamente na mellora das condicións nas que actualmente están a circular as persoas ciclo-usuarias na nosa cidade.

Relacionados