VAloración datos da EPA

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixirá a comparecencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para explicar os lamentables datos coñecidos no día de hoxe da Enquisa de Poboación Activa que deixa as claras o fracaso das políticas de emprego do goberno galego ao rexistrar o maior descenso do Estado (-3,77 por cento) no índice de ocupación despois de Aragón e Melilla, e cun incremento do paro do 0,16 por cento chegando a unha taxa de desemprego do 21,96 por cento (277.800 persoas).

O número de activos descendeu en 38.200 persoas (2,93 por cento) sendo o terceiro maior descenso absoluto só superado por Madrid e Andalucía, e ocupando a taxa de actividade menor do Estado agás Asturias.

Mentres no resto do Estado os datos do paro semellan rexistrar unha leve melloría cun descenso medio do 1,16 por cento, Galicia mantén unha subida do 0,16 por cento o que confirma as denuncias realizadas por AGE nas que alertaba da inutilidade das políticas do PP para loitar contra os datos do paro que presentaron unha evolución moito peor en Galicia que no Estado tal e como se desprende das cifras da EPA.

Así, en abril do 2099, cando Núñez Feijóo accedeu a presidencia da Xunta de Galicia, a taxa de paro era no noso país de 12,93 por cento e no Estado do 17,92 por cento o que se traduce nunha diferenza de 4,99 puntos. No cuarto trimestre do ano pasado é do 21,96 por cento medrando un 70 por cento mentres que no Estado é do 26,03 por cento (un ascenso do 45 por cento, moito menor que en Galicia), estreitándose a diferenza que está agora en 4,1 puntos.

Os datos da EPA en Galicia destacan un ascenso polo tanto do paro fronte o descenso no resto do Estado, agravado polo brutal descenso do número de ocupados e de activos no noso país mentres o goberno de Núñez Feijóo continúa a manter a liña de propaganda mentireira e de manipulación dos datos para agochar a súa incompetencia e a do seu goberno para atallar o maior problema ao que se enfronta a cidadanía galega a día de hoxe e a súa total falla de interese polo drama do paro e a sangrante perda de poboación que medra mes a mes.

Relacionados