Circo de Artesáns

 

A emblemática sociedade coruñesa está a vivir unha agónica situación económica por mor do descenso de socios, de 3.300 nos anos 80 ate os actuais 160, situación que está a por en perigo a súa viabilidade.

 

Esquerda Unida solicita ao Goberno municipal que evite o peche do Circo de Artesáns que esta a sufrir falta de liquidez, pois sería un fracaso colectivo que a sociedade máis antiga da nosa cidade peche unhas portas que levan abertas dende o ano 1847. Non cabe dúbida que o Circulo de Artesáns forma parte da historia da nosa cidade ata o punto de ser unha das sociedades máis emblemáticas da Coruña, basta dicir que os tradicionais apropósitos coruñeses de Carnaval teñen os seus orixes nesta sociedade que dispón dunha importante biblioteca cuxa catalogación data de principios do século pasado. A mesma “Universidade Popular” ten os seus orixes na sociedade, así como entidades tan importantes como a Real Academia Galega ou a Asociación da Prensa.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que o Concello asine un convenio de colaboración coa entidade que asegure a viabilidade desta e permita aos coruñeses e coruñesas dispor dun novo centro cívico, porque na actualidade a zona centro adoece deste tipo de infraestruturas pois os centros cívicos máis próximos para a veciñanza da zona son os de Monte Alto ou o dos Maios.

 

César Santiso, subliñou que “o dito convenio é bo para todos: mellora a oferta sociocultural do Concello, alivia o sufrimento dos traballadores da entidade que levan dous meses sen cobrar ao tempo que permite a viabilidade económica do circo de artesáns, e todo isto con un mínimo investimento”.

 

Santiso indicou que o seu grupo pretende actuar de interlocutor e mediador na procura de solucionar esta difícil solución, de feito xa está en contacto cos traballadores e traballadoras e pretende manter semana xuntanzas co Goberno municipal e coa directiva da asociación na vindeira semana, porque “non so o Goberno municipal ten a obriga de pular pola solución dos problemas da cidade, senón que é unha responsabilidade de toda a corporación municipal”.

 

O Voceiro de EU-V afirmou ser coñecedor da existencia dun convenio en vixencia, pero subliñou a necesidade de desenvolver outro de maior eficiencia e profundidade que permita ao Concello facer un uso intensivo e compartido das instalacións do Circo, en lugar das escasas salas utilizadas na actualidade, para que realmente os coruñeses e coruñesas dispoñamos, de verdade, dun novo centro cívico nunha zona que carece deles.

 

O concelleiro solidarizouse cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns, que están a pasar uns momentos moi duros: “fágome cargo da tremenda situación que teñen que estar estas seis familias traballadoras, que nestes momentos de fonda crise e duros recortes están a sobrevivir sen cobrar os seus salarios. Motivo máis que suficiente para investir o tempo necesario para dialogar e acadar unha solución satisfactoria para esta dramática situación”.

Relacionados