Circo mediático e fascismo

Esquerda Unida lamenta que o Pleno en lugar de ser un espazo de diálogo se converta nun estéril combate de egos que provocan que se baleire de contido apesares de debater temas tan importantes como as ordenanzas fiscais ou o enésimo modificativo do orzamento da era Negreira. O Pleno debería ser unha canle para achegar diversos puntos de vista dos grupos municipais de cara a construír políticas que beneficien á veciñanza e acadar solucións moito más ricas aos problemas que afronta a cidade. Pero, mes a mes, a realidade móstranos que isto non é así, no intercambio dialéctico non se procura a mellor solución para a cidadanía, senón que se busca o rédito político e o espazo mediático que nada ten que ver co ben común, porque non nos enganemos na política municipal hai moito máis espazo para puntos de encontros que en outros ámbitos institucionais.

Dende logo aqueles escasos veciños que poideron asistir ao pleno quedaron abraiados ante tal bochorno, a sesión plenaria foi  mudada por unha obra de teatro onde a principal función deixou de ser a procura do “interese xeral” e o “ben común” para abrir paso aos intereses persoais. Diante desta situación, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “cada día que pasa síntome máis desencantado da política que se desenvolve en María Pita, o PP bloquea a labor da oposición e converte os plenos nun circo, nunha estafa á cidadanía”

Por outra banda, no pleno celebrado este martes, o goberno municipal non permitiu debater a moción que presentamos de condena á exaltación do fascismo, o mesmo que fixo no pleno anterior coa moción de rexeitamento do terrorismo de estado franquista. Xa que logo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes considera que o feito de que o PP coruñés impida debater as mocións que presentamos contra o fascismo demostra o seu escoramento cara a estrema dereita. O PP esquiva o debate coa única intención de agochar as súas vergoñas, pois son numerosos os casos nos que tanto dirixentes como militantes do PP fan alarde e apoloxía do franquismo. Esquecendo que para mirar cara o futuro, primeiro hai que aprender do pasado, compre pois unha acción firme e a máxima repulsa por seren todos os actos de apoloxía ao franquismo completamente contrarios aos valores constitucionais, aos principios democráticos e a unha recuperación da memoria histórica. . Xa no ano 2007, Mayor Oreja, declarou nunha entrevista: “¿Por qué voy a tener que condenar yo el franquismo?”. Semella que este é o lema do PP en todo o Estado.

Relacionados