O noso Grupo ten que lamentar e criticar o desinterese tanto do concelleiro de deportes canto do xerente do Padroado, que non e que atendan as peticións realizadas polo Club do Mar para colaborar e facilitar na celebración deste importante campionato; senón que non atenden nen as chamadas telefónicas dos responsables do Club.
Esquerda Unida quere salientar a relevancia desta actividade, que puntúa para o campionato galego e no que van participar destacados deportistas; campionato que leva por Galicia adiante o nome da cidade de Ferrol, ao ter o campionato esa denominación.
A Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, quere chamar a atención do Goberno Municipal e reclamar do mesmo atención e sensibilidade para atender e facilitar o labor dunha entidade como o Club do Mar, que conta con preto de 2.000 asociadas e asociados, e que desenvolve un amplo catálogo de colaboracións con centros escolares do noso concello. Xa que logo, o noso Grupo demanda dos responsables municipais que reciban e faciliten a colaboración precisa para garantir o total éxito da proba deportiva en cuestión.