Colaboración coa xustiza

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a dobre moral do goberno local, que cando pensaba que a investigación da Pokemon só afectaba ao PSOE enviou a información por iniciativa propia e agora que as probas implican ao PP non amosa a mesma colaboración coa xustiza. En outubro de 2012 o goberno local non esperou a que a xuíza de Lugo que instrúe o sumario da operación Pokemon solicitase a información acerca dos contratos que o grupo Vendex mantén co Concello coruñés, remitíndolle de oficio a documentación acerca desas concesións. O executivo municipal anunciaba fai ano e medio que o xulgado lucense recibiría tódolos os expedientes e contratos, ademais de todas as facturas emitidas, e que ademais estaba disposto a enviar calquera outra información que se lle requira, para o que manifestaba a súa intención de “abrir as portas do Concello de par a par”. Hoxe a xuíz aínda ten que reclamar copias compulsadas de expedientes que non foron remitidos cando o goberno municipal quería colaborar.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que colabore coa xustiza enviando de inmediato toda a información relacionada con Vendex, dado que tódolos detalles resultan de interese para a investigación da Pokemón. Cada documento retrasado, cada documento agochado, é outra mancha para o goberno dun alcalde que nas súas exposicións públicas declara “ignorar” deliberadamente as probas contra os cargos imputados do seu goberno e “fiarse da palabra” que eles lle dan. Isto a pesar de que os imputados mentiron reiteradamente en sede xudicial, á prensa e á cidadanía. Esta conduta converte a Negreira, un alcalde presidencialista que está encima de tódolos temas, en responsable e colaborador necesario do seu primeiro tenente alcalde e dos cargos de confianza imputados.

O voceiro de EU-V, César Santiso, cuestiona “onde está a colaboración coa xustiza da que presume o goberno local? os seus imputados menten en sede xudicial e non contestan ás preguntas, adoptan estratexias dilatorias e a xuíz ten que perseguilos para conseguir a documentación”.

Relacionados