· – Piden que se informe sobre cales son as entidades financieiras coas que se realizou a operación e cal é o tipo de interese que se vai pagar
· –Destacan que se trata de un endebedamento autorizado para o orzamento do 2013 que aínda non está aprobado
· –Para os deputados de AGE trátase dunha “estraña operación de imaxe do goberno”
Santiago de Compostela, 25 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda, tras coñecer por unha entrevista radiofónica o anuncio sobre a colocación en catro días dos 1.024 millóns de débeda autorizados, esixe á conselleira de Facenda, Elena Muñoz, que diga cales son as entidades financieiras coas que se pechou a operación e cal é o tipo de interese que se vai pagar.
Para Alternativa Galega de Esquerda trátase dunha operación moi confusa que require de moitas explicacións xa que “en primeiro lugar” aseguran “non ten sentido esgotar no primeiro mes todo o endebedamento autorizado para o ano xa que implica comezar a pagar xuros desde o principio” o que fai que os deputados de AGE se pregunten se “a situación financieira é tan desesperada como para ter que esgotar xa todo o endebedamento”.
Denuncian o feito de que se trata do endebedamento autorizado para os orzamentos do 2013 que aínda non foron aprobados polo Parlamento galego. Así mesmo, lembran que se trata dun contrato público “multimillonario” polo que tería que ser licitado, algo que non se fixo.
Alternativa Galega de Esquerda destaca as contradicións entre as declaracións do presidente Feijoo fai uns días nas que aseguraba que ían estudar as mellores condicións que ofrecían o Fondo de Liquidez Autonómica e os mercados, e o anuncio da conselleira de Facenda desta mañá. “¿Fixeron este traballo en catro días?” preguntan dende AGE. “Trátase dunha estraña operación de imaxe do goberno do Sr. Feijoo, inaceptábel e escurantista na que se precisan moitas aclaracións”.