Comedor CEIP Sagrada Familia

Esquerda Unida denuncia a precariedade do comedor do CEIP “Sagrada Familia” que incluso entraña riscos en caso de evacuación por incendio. Xa que se está a utilizar, para o servizo de comedor cun total de 115 postos de comida, unha aula na segunda planta do edificio de aproximadamente 85 m2 que resulta en todo caso insuficiente. Ademais este espazo non ten divisións nin tabiques, e utilizase tanto para o equipamento de cociña como fregadeiro, lavavaixelas, armarios, (aprox. 10 m2) como para as mesas, cadeiras e corredores (75 m2).

Os postos de comida están repartidos en mesas e cadeiras pequenas (44), en mesas e cadeiras medianas (14) e mesas e cadeiras grandes (57). Para lograr estes números, faise unha distribución con mesas pegadas ás paredes e as fiestras. Hai dúas portas de acceso de 0,80 m de ancho. Os corredores que quedan entre as mesas, para o movemento dos nenos e a colocación das cadeiras teñen un ancho de 0,8-1,1 m. Os corredores principais teñen un ancho dispoñible para o desprazamento dos rapaces de aproximadamente 0,8 m. Non hai ningún local destinado a regular á espera dos nenos que xa comeron, nin un roupeiro. Mentres os grandes comen, os pequenos ou esperan sentados no corredor da planta, ou saen ao patio (cara o final da hora do xantar). O corredor da planta sirve tamén como lugar de depósito das chaquetas e mochilas mentres os nenos comen.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “actuamos diante desta xusta reivindicación da comunidade educativa diante da negativa da consellería de educación e o silencio cómplice do goberno municipal” que pese a todas estas carencias, que repercuten moi negativamente no adecuado rendemento escolar do centro público, a Consellería de Educación non ten previsto iniciar as obras que permitan corrixir o actual  déficit de espazos que presenta o comedor escolar. Ante a reposta negativa, por parte da Consellería, no mes de Abril do ano en curso, a ANPA decidiu dar traslado da situación ao Concello para solicitar como medida urxente a reforma e ampliación do comedor, sen obter ata o momento ningunha solución.

Dende Esquerda Unida, consideramos que o comedor escolar é un servizo que contribúe a unha mellora na calidade do ensino, así como unha ferramenta imprescindible para conciliar a vida laboral e familiar de nais e pais. Ademais de cumprir unha función básica de alimentación e nutrición, desempeña tamén unha destacada función social e educativa.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o pleno do concello inste á Xunta a adxudicar as obras de ampliación e adecuación do comedor escolar do CEIP “Sagrada Familia”, que na súa parte resolutiva presenta a seguinte proposta de acordo:

 

Instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adxudicar, de forma inmediata, as obras de ampliación e adecuación do comedor do CEIP Sagrada Familia e que se axilicen os trámites necesarios para a aprobación da construción dun novo salón-comedor na planta baixa, tendo en conta as propostas presentadas pola ANPA no Concello, a fin de emendar as deficiencias que padece este centro escolar e poidan verse satisfeitas as xustas reivindicacións suscitadas pola comunidade educativa en canto á adecuación e ampliación do comedor escolar.

Relacionados