Comedores escolares

Santiago de Compostela, 2 agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) lamenta a falla de sensibilidade do goberno galego coas familias con menos recursos as que unha vez máis terán que sufrir os ataques das políticas agresivas e antisociais do Partido Popular coa aprobación no día de onte do Decreto de comedores escolares polo que os que menos teñen terán que pagar pola comida dos seus fillos no colexio.

Así, a Xunta de Galicia obrigará a unha familia monoparental cuns ingresos superiores aos 1.002 euros a pagar polo comedor escolar dos seus fillos o mesmo que unha familia de dous membros que ingresen 751 euros cada un deles.

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, lamentou que unha vez máis a Xunta e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, opte por atacar á cidadanía do común cun decreto inxusto e que segue sen clarexar cal vai ser a solución para a xente que non poda facer fronte ao pago do comedor dos seus fillos. O deputado de AGE sinalou que unha vez máis, a Xunta de Galicia opte por penalizar aos máis desfavorecidos e aposta pola xestión indirecta deste servizo o que repercutirá negativamente na calidade do mesmo.

 

Alternativa Galega de Esquerda destaca a necesidade de rachar coas políticas agresivas do PP e apostar por unha fiscalidade máis xusta e progresiva na que os que máis teñen aporten máis.

Relacionados