Comedores escolares con catering

O deputado Ramón Vázquez preguntou en comisión parlamentar polo número novas prazas de comedor escolar de xestión directa por parte da Xunta de Galicia e información relativa as empresas privadas que atenden os comedores dos centros públicos sen obter resposta por parte do secretario xeral técnico da Conselleria, Jesús Oitavén Barcala, xa que a realidade que tenta agochar a Xunta de Galicia con este silencio é que só se constituíron comedores mediante catering.

Na súa intervención o deputado de Alternativa Galega de Esquerda non só insistiu en denunciar a medida “inxusta e insolidaria” da Xunta de Galicia pola que obriga a pagar a moitas familias do noso país entre 1 e 4,5 euros pola comida dos seus fillos e fillas no colexio nun contexto de avance da pobreza no que esta comida é para moitos nenos e nenas a principal fonte de alimentación na actualidade.

A Xunta de Galicia castiga así ás familias galegas a pagar pola deficiente xestión do servizo da Consellería de Educación para maior beneficio das empresas de restauracións envasada. “Incremento de custes, repago e privatización dos servizos públicos son a triloxía habitual dos gobernos do PP onde sexa que gobernen” lamentou o deputado de AGE, Ramón Vázquez, durante a súa intervención.

Os datos evidencian a realidade que pasa pola aposta clara e decidida do goberno galego por continuar a privatizar este servizo. Así, no 2011 Galicia ocupaba o sétimo lugar de todo o Estado das comunidades con máis comedores colectivos con provedores colectivos, cifra que se incrementou nun 10 por cento ata o dia de hoxe chegando aos 468 comedores colectivos que temos na actualidade. E xunto con este incremento, o volume de negocio das empresas de catering seguiu unha senda de aumento de beneficios que fixo duplicar o seu volume de negocio pasando dos 1.981 millóns de euros no 2001 a nivel estatal aos 3.865 millóns de euros no 2010. O incremento do número de comedores mediante catering en Galicia incrementouse nos últimos dez anos a un ritmo medio dun 5,20 por cento anual, situándose por riba do 4,4 por cento do resto de España.

Outros datos destacados polo deputado de AGE na súa intervención fan referencia ao estudio publicado por VSF (Veterinarios Sin Fronteras. Justicia Alimentaria Global) no que se sinala que 1 de cada 4 comidas nos colexios se fai a través de dúas empresas de catering; que a terceira parte do volume de negocio dos comedores colectivos está nas instalacións educativas e outra terceira parte nas sanitarias; que só 5 empresas son as que se reparten a maior parte deste negocio; ou que o 70 por cento dos produtos mercados por estas empresas é a almacenistas o que en Galicia se concreta na ruína dos nosos agricultores e gandeiros.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Relacionados