Comedores escolares no verán

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez, esixe á Consellaría de Educación que abra os comedores escolares nos meses de xullo e agosto para atender o alumnado con problemas económicos e carencias nutricionais. Esta iniciativa, presentada nunha proposición non de lei, responde a que profesorado e asociacións de nais e pais veñen denunciando, ao longo do curso que acaba de rematar, o aumento de cativas e cativos con carencias alimentarias. “Mesmo confirmouse”, afirman os parlamentarios de AGE, “que o xantar realizado no comedor escolar constitúe a principal achega nutritiva da xornada para boa parte dos estudantes”.

Coa crise derivada do neoliberalismo extremo e as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez a forza de recortes e unha austeridade suicida, as condicións de vida das maiorías sociais empeoran día a día. 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro e 33.000 non reciben ningún tipo de ingreso. Datos do Instituto Galego de Estatística aseguran que seis de cada dez familias apenas dá chegado a fin de mes. 650.000 persoas están en situación de pobreza e 120.000, en pobreza severa. Neste contexto, os pediatras agrupados na Asociación Española de Pediatría insisten nos problemas de desnutrición infantil derivados do incremento da pobreza provocada polas accións da dereita que ocupa os diferentes gobernos.

 

Alternativa reclama, así, que os comedores escolares de vilas e cidades galegas abran durante as vacacións, o que permitiría que nenas e nenos accederán a unha alimentación axeitada e pide á Xunta un programa de atención socioalimenticio para os cativos de familias con dificultades socioeconómicas.

Relacionados