Comisión de mobilidade

 

Os coruñeses e coruñesas estamos insatisfeitos co noso servizo de transporte público colectivo. Un servizo caro para a veciñanza e custoso para o Concello, situación que impide o seu uso masivo. Así, mentres a empresa privada concesionaria do servizo, a Compañía de Tranvías, obtivo no último exercicio 3,2 millóns de euros de beneficio o Concello a subvencionaba con 7,2 millóns de euros para poder aplicar as tarifas sociais.

 

Esquerda Unida presenta unha iniciativa para acadar un pacto institucional que mellore a mobilidade na Coruña, pois somos coñecedores que é un problema herdado no que o actual contrato de concesión, que está en vigor dende o ano 1986, ten establecida unha formula polinómica de pagamento. Mais tamén somos conscientes de que a meirande parte dos coruñeses e coruñesas consideran unha inxustiza que a Compañía de Tranvías este a obter grandes beneficios grazas ás subvencións municipais ao tempo que se aplican subas nas tarifas do bus urbano. Motivo polo cal é necesario acadar un acordo institucional que permita ao Goberno municipal representar con máis forza os intereses da cidadanía coruñesa diante da Compañía de Tranvías.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción para crear unha comisión de mobilidade non remunerada que sirva como instrumento eficaz para debater, dialogar e consensuar, porque dende EU creemos que é necesario articular canles de diálogo que non supoñan costo económico para a cidadanía.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “chegou o momento de cambiar as dinámicas en María Pita, a veciñanza quere que os grupos políticos chegamos a puntos de encontro, e en mobilidade temos unha oportunidade para sumar todos xuntos”.

 

 

Texto resolutivo da moción

 

 

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña manifesta a conveniencia de revisar o contrato da concesionaria para, en vindeiros exercicios, reducir os prezos do transporte público colectivo, incentivando así o seu uso o que permitiría optimizar os recursos da propia Compañía de Tranvías.

 

Segundo.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno municipal a crear unha comisión de mobilidade non remunerada ou grupo de traballo, formado por un representante de cada grupo municipal, para estudar e consensuar políticas de mobilidade.”

Relacionados