Comisión europea visita Reganosa

Previamente á visita e para facilitar o traballo relativo ao estudo da nova petición en trámite mantiveron un contacto informal coas confrarías que Esquerda Unida valora tamén, moi positivamente.

Tal e como Esquerda Unida manifestou a semana pasada por boca da súa coordinadora nacional e parlamentaria Yolanda Díaz hoxe produciuse a visita da delegación do Parlamento europeo á Reganosa e ás súas instalacións na ría de Ferrol. A petición motivo da visita e solicitada no seu día por varias entidades, entre elas a nosa organización, posibilitou traer á ría de Ferrol á delegación do Parlamento e tratar de maneira unificada as distintas problemáticas que afectan á ría ,e entre elas e de maneira sobresaínte por ser a petición que puxo en marcha o mecanismo que deu lugar á inclusión da ría de Ferrol no programa, a localización da planta de gas de Reganosa no interior da Ría e os problemas de todo tipo que ten como consecuencia directa da súa intalación.

In situ, ao pe de Reganosa, a delegación recibiu as explicación oportunas: o carácter ilegal da planta, o incumprimento da directiva europea sobre avaliación de impacto ambiental, a falta de seguridade para a poboación de Ferrolterra e a non implantación dun plan de emerxencia co conseguinte risco pola navegación dos gaseiros, a destrución do ecosistema da ría coa utilización fraudulenta de auga captada en cantidades diarias de centos de miles de toneladas, o recheo ilegal etc. Abraiados polo espectáculo que contemplaban e que nunca se imaxinaron, algún membro da delegación preguntou ás autoridades da Xunta , presentes na visita, canta xente estaba no cárcere. A pregunta como tal era sincera, non irónica…

Posteriormente o presidente da delegación manifestou na reunión coa delegación do Comité e das confrarías que o affaire Reganosa non podía, nin moitos menos, darse por pechado. Esquerda Unida valora moi positivamente esta actitude de interese e respecto polo moito que teñen que dicir os afectados e entidades solicitantes e como organización peticionaria colaborará coa delegación no traballo que a partir de agora se comezará para rematar en maio coas oportunas conclusións e informe definitivo.

Saudar, por último, a boa acollida da comisión á petición das confrarías de Ferrol e Barallobre de aproveitar a visita para iniciar os contactos pertinentes que faciliten o traballo e estudo da nova petición referida á situación xeral de contaminación da ría. Neste sentido a visita a Reganosa tamén puido ser aproveitada pola delegación para comprobar o grao de desleixo, recoñecido polas autoridades presentes nas audiencias, que a nosa ría ten en canto a depuración e verquidos.

Non temos por menos que felicitarnos, por último, do traballo do noso europarlamentario Willi Meyer, sin a súa constancia e esforzo a visita non sería posible, e felicitar ao Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol: gaña quen resiste.

 

Relacionados