Estamos a vivir a situación máis dramática das últimas décadas, pois o cumprimento da sentencia, entre derribo e indemnizacións, suporía un custo por riba dos 60 millóns de euros que terá que afrontar a veciñanza, e dicir unha cuarta parte do orzamento anual do concello. Xa que logo o Concello disporá de moitos menos recursos que derivará en recortes nos servizos sociais e a perdida de capacidade para a reactivación económica local e a consecuente creación de emprego.
Diante desta situación o grupo municipal de EU-V considera inaceptábel que o alcalde afirme que non é o momento de pedir responsabilidades e renuncie a investigar sobre as circunstancias nas que se outorgou a licencia ilegal do edificio conde de Fenosa. Nunha actitude compracente cos que cometeron graves irregularidades que están a poñer en risco de bancarrota ao Concello Coruñés.
Esquerda Unida insta ao Goberno municipal a promover unha comisión de investigación en relación ao edificio de Fenosa para depurar responsabilidades. Non facelo constituiría unha actitude sumamente hipócrita pois o PP cando estaba na oposición solicitaba comisións de investigación, mais agora, unha vez alcanzado o poder as evita, feito que leva a pensar que so as solicitaba con fins electoralistas para desgastar ao anterior Goberno.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “isto é un compadreo, parécenos incríbel que os responsábeis desta chapuza poidan saír de rositas coa complicidade do Goberno do PP, a cidadanía coruñesa quere transparencia e ten dereito a saber de quen foi a culpa, como sucederon os feitos e quen se beneficiou. Estamos fartos de irregularidades urbanísticas queremos coñecer os nomes e apelidos dos responsábeis, que se avergoñen diante de todos os coruñeses e coruñesas.