O deputado de AGE denunciou que a Xunta reserva recursos e privilexios para os centros privados e precariedade e marxinación para a pública.
Ramón Vázquez mantén que non se pode falar de “conselleiro de Cultura senon da cultura da mentira porque a Cultura real está a ser exterminada”.
Santiago de Compostela, 14 xaneiro de 2013.- O deputado parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda responsable de Educación e Cultura, Ramón Vázquez, asegura que a Xunta a través do conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, “pretende non so eliminar a educación e a cultura senon tamén a identidade da xente para que mansamente asuman as súas consignas”. “Pensan que repartindo estupefacientes co telelixo e cos cines de centro comercial van conseguir entreter a xente o suficiente como para que non se decaten do seu desgobernó” afirmou.
Dende Alternativa Galega de Esquerda destacan o recorte de 149 millóns de euros para educación aos que hai que sumar os máis de 400 que xa recortaron nos tres exercicios anteriores o que supón “unha auténtica asfixia e colapso para o sistema educativo público e que supón apuntalar o desmantelamento do sistema educativo público construido nos últimos 30 anos”. “Fan un recorte brutal dos recursos da educación pública e permítense vostedes gastar 237 millóns no ensino privado/concertado” destacou Ramón Vázquez que engadiou que mesmo “se permiten aumentar en 680.000 euros a asignación a concertos en centros de formación profesional, superando o marco normativo que reserva os concertos prioritariamente as etapas obrigatorias”. Así denunciou que o goberno da Xunta“reserva recursos e privilexios para os centros privados e precarieadde e marxinación para a pública”.
Para o deputado de AGE o modelo educativo que sustentan estes orzamentos é un modelo educativo urbano, marcado pola hexemonía dos centros privados concertados que copan as zonas mais céntricas das cidades, á vez que pon mais atrancos ás escolas no rural acentúan o despoboamento sumando unha política de desmantelamento do sector agrogandeiro no rural á falta de servizos básicos como a educación. Baixo o pretexto da chamada liberdade de elección de centros para as familias “o que se pretende é que lle saia gratis o colexio privado a uns cantos, mentres para os outros queda unha escola deficitaria, masificada ou despoboada segundo o caso e sen recursos e deteriorada”.
Ramón Vázquez preguntoulle ao conselleiro sobre os 12 millóns que adican aos centros que segregan ao alumnado en función do sexo co que lembrou incumpren as sentencias do tribunal supremo. “Confunden excelencia con elitismo chapuceiro: escolas para ricos e outras para pobres” afirmou Ramón Vázquez.
En materia lingüística, insistiu en que continúan co lingüicidio iniciado co decreto do plurilingüísmo, co que tentan eliminar o galego na escola, e o acompañan cunha diminución en política lingüística de 2.131.000 de euros, un 27 por cento menos. E por se iso fora pouco, non vai a ser que o galego levante cabeza, diminúen o orzamento en normalización lingüística en 1.244.000 euros, un 51 por cento menos”.
No campo da Universidade, Ramón Vázquez suliñou o descenso de 21 millóns de euros destacando que “fixo onte xusto un ano da publicación no DOG do o chamado plan de financiamento universitario de Galicia 2011-2015, segundo o cal, correspondería un orzamento para o ano 2013 de 393,2 millóns de euros, e dicir un incremento orzamentario de 4 millóns de euros para este ano, en lugar dun descenso de 21 que é o vostedes fixeron, o que implica unha mentira de 25 millóns de euros” sinalando que isto de “non é novidade xa que se hai algo no que vostedes son expertos é en mentir e incumprir os acordos e as leis, e xa non digamos as promesas electorais”. Pola contra o gasto en asesores, persoal eventual de gabinete e altos cargos é dos únicos que medra, e faino en 182.000 euros.
En canto aos orzamentos adicados a Cultura, Ramón Vázquez destacou que “o señor conselleiro, non é o conselleiro de cultura, se o é, serao da cultura da mentira, porque a cultura real, a cultura de base, está a ser exterminada”. Con estes orzamentos a Cultura queda reducida a unha especie de voluntarismo militante dos axentes sociais. Coa redución de 19 millóns de euros duns orzamentos de sempre febles, as pequenas compañías teatrais, os circos, as pequenas compañías de danza, os cineclubes, a rede de salas e demais axentes culturais, definitivamente esmoreceran, mentras vostedes continúan a adicar un 17 por cento dos orzamentos a Fundación da Cidade da Cultura, mais de 9 millóns de euros, un monstro insaciable que esta a engulir o tecido cultural galego que morre día a día de inanición.
O deputado de AGE salientou a eliminación de proxectos tan importantes como o de Camiños de Cultura, a paralización da rede galega de teatros e auditorios e a rede galega de salas; ou a teima por afogar a Real Academia Galega “facendo que a principal institución encargada do estudio da cultura galega e da promoción da lingua, se arrastre implorando financiamento para poder sobrevivir, sendo con moito a academia con menos recursos das nacionalidades con lingua propia”.
Así mesmo, Ramón Vázquez destacou a extinción e liquidación do decreto a Fundación Illa de San Simón, lugar emblemático para o recordo de todos aqueles que loitaron polos valores democráticos e contra o golpe franquista, polo que pediu que aclaren cal vai a ser o futuro deste lugar e das súas instalacións como centro de interpretación da memoria histórica “pois coñecendo a súa querenza pola recuperación da memoria, sentímonos fondamente preocupados”.
“A partida adicada a bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais baixa en 3,4 millóns de euros; a destinada ó fomento das actividades culturais perde 6,8 millóns; a protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural perde máis de 2 m. de euros… en definitiva unha autentica debacle cultural” declarou o deputado de AGE “que unida o desmantelamento da educación pública e o lingüicidio acometido pola súa política lingüística, non pretenden outra cousa que a destrución do pobo como colectivo crítico”.
“Vostedes non so pretenden eliminar a educación e a cultura senón tamén a identidade da xente para que mansamente asuman as súas consignas. Saben que sen teatros, sen escolas, sen libros nin soños , lles será mais doado gobernar. Pensan que repartindo estupefacientes co telelixo e cos cines de centro comercial van conseguir entreter a xente o suficiente como para que non se decaten do seu desgobern pero tamén niso están errados, a cidadania e moito mais que unha recua de mansos borregos” explicou o deputado parlamentario.
“A Cultura e a Educación non son gastos, son verdadeiras inversións de futuro, ese futuro que lle están roubar a toda unha xeración” sentenciou Ramón Vázquez.