Petición que adiou todo o que pudo o goberno do PP, e que agora vaise celebrar o vindeiro mércores pola tarde. A nosa organización vai formular unha dura requisitoria ao respeito do abandono do naval público de Ferrolterra, logo de tantas xuntanzas e presuntas preocupacións dos responsables do PP sobre o naval rematadas en nada.
A comparecencia se produce logo da petición nese senso do Grupo Parlamentar de IU- A ESQUERDA PLURAL e vai permitir facer un repaso da problemática e moi grave situación dos estaleiros públicos da nosa ría, que seguen sen contar con nova carga de traballo e sen o dique flotante.
Esquerda Unida vai aproveitar esta comparecencia para esixir que se concrete e clarexe o anuncio realizado estes días dun principio de acordo coa petroleira pública mexicana Pemex. Son demasiados os puntos escuros e sen garantías que rodean este anuncio, que semella ser o arranque da campaña electoral de Feijóo, máis que o comezo de nova carga de traballo para os estaleiros.
O anuncio non ten en conta as vindeiras eleccións na república mexicana que van ter lugar o próximo mes e onde todas as enquisas auguran a derrota do actual goberno da dereita mexicana, co cal non hai seguridade algunha de que isto non sexa máis que un brinde ao sol máis, que nos deixe sen carga de traballo nova. EU demandaralle que clarexe que garantía de execución ten este principio de acordo, caso de non se concretar polo previsible novo goberno mexicano.
O noso Grupo vaille requerir tamén aclaracións acerca de que fórmula se vai empregar para salvar as limitacións, inaceptables e a superar, que a UE mantén sobre a porcentaxe de construción civil pública dos estaleiros de Ferrolterra. Limitacións que poderían deixar fóra do concurso aso nosos estaleiros públicos.
Para a nosa organización o anuncio feito pola Xunta se non se despexan estas dúbidas semella abondo impreciso como para non desconfiares de el, nun tempo onde o PP necesita transmitir a impresión de que non está destruíndo o naval público da nosa ría. E o está a destruír pola vía de negarlle os investimentos produtivos necesarios e pola renuencia a superar os actuais e inaceptables vetos da UE que lastran as formidables capacidades dos estaleiros da nosa ría.