Compensación por cortes de auga

 

A nosa proposta consiste en descontar os días e horas onde se produciu o corte do subministro e prorratealas en relación ao consumo medio para reducir o importe do recibo correspondente. Esta contabilidade é importante porque non ten que limitarse aos cortes que comezaron o luns, senón que hai que estendelos aos previstos para a vindeira semana.

 

Xunto a esta fórmula compensatoria, Esquerda Unida quere reclamar da empresa concesionaria o cumprimento estrito dos prazos de corte de subministro previstos, e o emprego dos recursos humanos e materiais necesarios para axustarse a eses tempos.  Doutra banda, nós demandamos do Goberno Municipal un seguimento rigoroso destes cortes,  que demostre atención aos trastornos que causan na veciñanza e non compracencias coa empresa concesionaria. A nosa organización reclámalle  á empresa concesionaria que a  comprensión que está a pedir, a ten que ter ela  respecto ao enfado da cidadanía, que paga un servizo que logo non recibe segundo o acordado.

 

Yolanda Díaz demándalle coraxe  ao Goberno Municipal para que faga valer o seu peso diante da  empresa concesionaria e, xa que logo, a empresa proceda de oficio a calcular a rebaixa correspondente en todos os recibos dos máis de 8.000 veciños e veciñas afectadas. Pódese facer se hai vontade de resarcir alomenos en parte polos trastornos causados a veciñanza e pequenos comercios e hostalaría, e non cobrar un servizo non prestado á cidadanía.

 

Todo se reduce a escolla difícil pero necesaria: ou defender os intereses das veciñas e veciños ou desentenderse para poñerlle as cousas fáciles e inxustas á empresa concesionaria do servizo.

 

Unha vez máis afirmamos o valor da nosa proposta alternativa global: a remunicipalización do servizo para que si se poña a énfase na calidade do mesmo e non na caixa da empresa concesionaria.

Relacionados