Esquerda Unida mostra a súa satisfacción por que o Pleno aprobase por unanimidade a súa moción sobre hortas urbanas ecolóxicas. O proceso comezará coa creación dun inventario de espazos verdes infrautilizados, abandonados ou degradados para posteriormente reconvertelos escalonadamente para servir de sustento a unha actividade saudábel e enriquecedora que ademais de mellorar as actitudes sociais dos que a practican, permítelles adquirir os coñecementos necesarios para desenvolver a actividade agrícola e axudar a economía familiar cos productos colleitados.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes comprométese a colaborar no desenvolvemento das hortas urbanas, cunha actitude construtiva e proactiva para que o proxecto se faga realidade e non quede nunha declaración de intencións como sucede con moitas mocións. Pois de todos é coñecido que Galiza en xeral, e a bisbarra coruñesa en particular, ten unha enorme riqueza natural infrautilizada, son miles e miles as hectáreas de terra fértil acta para agricultura sen explotar, algo inconcibíbel cando son miles e miles os galegos e galegas que pasan graves dificultades económicas e necesitan da beneficencia para poder alimentarse. Con esta iniciativa pretendemos crear as condicións necesarias para a formación e posterior creación de cooperativas de desempregados que se dediquen á actividade agrícola na bisbarra coruñesa, unha actividade primaria xeradora de moitos postos de traballo que é necesario recuperar para cambiar o modelo produtivo, reactivar a economía local e avanzares cara a soberanía alimentaria.
Non debemos esquecer que o sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, así en contraposición co retroceso da meirande parte dos sectores produtivos, a agricultura ecolóxica incrementou a súa facturación nun 28% facturando o ano pasado 22 millóns de euros na Galiza, así como as terras cultivadas nun 8% atá acadar 15.300 hectáreas, das cales máis de 12.000 atópanse en Lugo e Ourense, o que amosa que a provincia da Coruña e nomeadamente a súa bisbarra ten un enorme potencial aínda sen explotar
Cabe subliñar que a agricultura ecolóxica utiliza técnicas sustentábeis e menos dependentes do petróleo, con ausencia total de pesticidas, plagicidas e agroquímicos, o que permite ofertar produtos diferenciados de maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, ademais de avanzares na soberanía alimentar ao evitar a dependencia das grandes multinacionais agroquímicas.
Asemade, consideramos de especial relevancia o feito de que a constitución dunha rede de hortas urbanas desenvolve un efecto positivo sobre a psiquis das persoas desempregadas, xa que moitas das persoas que integran este colectivo teñen a sensación de non sentirse útiles a sociedade. Así pois o desenvolvemento desta actividade outórgalles a posibilidade de sentirse produtivos.
En definitiva, temos materia prima e temos ferramentas para xerar emprego nunha actividade primaria fundamental, so é necesario vontade política para promover a agricultura ecolóxica como actividade produtiva mediante a coordinación, apoio e formación ás persoas desempregadas para que recuperen o agro da bisbarra coruñesa nunha actividade que fomenta a recuperación económica, o cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo e a mellora a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas ao por no mercado produtos locais sans e de calidade.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “conseguir a unanimidade no pleno non é tarefa fácil e demostra o acerto da nosa aposta polo diálogo para acadar acordos que beneficien á veciñanza, os coruñeses e coruñesas poden confiar en que poñeremos todo o noso empeño no desenvolvemento deste ilusiónante proxecto que responde a unha das iniciativas que levábamos no noso programa político municipal”.