Compromiso plan de mobilidade

Isto foi o que aconteceu co plan encargado polo bipartito, plan que o PP obviou cando chegou a María Pita, encargando outro novo co conseguinte malgasto de cartos. Esta dinámica de dispendio dos cartos públicos por intereses partidistas debe rematar.

Xa que logo, Esquerda Unida chama ao resto de grupos municipais a acadar o compromiso de desenvolver o plan de mobilidade con independencia de quen goberne. Calquera cidade moderna aspira a acadar unha mobilidade universal e sostíbel baseada no fomento de medios alternativos que permitan reducir drasticamente o uso do automóbil particular, como por exemplo a promoción dos desprazamentos a pe, en bicicleta ou en vehículos alternativos non contaminantes como as bicicletas ou os automóbiles impulsados por motor eléctrico. Asemade resulta fundamental fomentar un transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del.

Non cabe dúbida que A Coruña necesita realizar un cambio profundo en materia de mobilidade para dar resposta ao caos de tráfico existente. Neste sentido e en relación ao que en breve suporá a presentación do Plan de Mobilidade Sostible que está elaborando a UTE Eptisa-Ineco, do cal recoñecemos o alto reporte que pode supoñer para a cidadanía no caso que sirva de alicerce para o desenvolvemento de políticas transversais que emanen do devandito Plan, esperamos que o Goberno municipal non faga caso omiso deste Plan como fixera co documento anterior elaborado en tempos do bipartito, anhelamos que faga o posible para facer que este Plan de Mobilidade sexa realmente Sostible e factible.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción para que o pleno do concello execute con celeridade o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, cuxa parte resolutiva propón os seguintes acordos:

Primeiro.- O Pleno do Concello adquire o compromiso de executar con celeridade o Plan de Mobilidade Urbana Sostible unha vez estea desenvolvido, independentemente de quen exerza o goberno municipal, establecendo unha xerarquía en canto á prioridade de usos urbanos respecto da mobilidade, onde o peón sexa a base fundamental, para posteriormente, apoiar e facilitar o tránsito de transportes alternativos non contaminantes con seguridade, como o son a bicicleta, os vehículos eléctricos, e o trasporte colectivo.

Segundo.- Facer público este acordo no municipio a través das vías de comunicación ordinarias de que dispón o Concello, nomeadamente na web municipal de mobilidade.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “diante do déficit da nosa cidade en canto a mobilidade e os elevados custes dos estudios, cumpre comprometerse na súa inmediata execución unha vez estea rematado, eu adquire publicamente ese compromiso, esperemos que o resto dos grupos municipais o fagan votando favorablemente esta moción”.

Relacionados