Comunicado 25N

 

Esquerda Unida Compostela, como xa fixera coa moción presentada o 24 de novembro de 2009, reclama do Concello de Santiago unha involucración activa contra a violencia de xénero, fomentando unha educación baseada en valores como a igualdade, tolerancia, respecto e a non discriminación, estudando as situacións de violencia de xénero para elaborar un Plan Integral local contra a violencia de xénero acorde á realidade ou mantendo campañas permanentes de sensibilización.

 

O Consello Comarcal esixe ao Concello, e ás outras administración públicas, unha loita real contra esta lacra, e non só os fogos de artificio de Plans de Igualdade, Secretarías ou Ministerios específicos, que resulten inútiles por falta de medios ou mesmo por desinterese, e queden en meros artiluxios burocráticos cos que calmar a opinión pública, pese a mostrarse claramente que as distintas actuacións levadas a cabo por todas as administracións públicas son insuficientes.

 

Por todo isto Esquerda Unida Compostela, no día internacional contra a violencia machista, reclama do Concello, e das outras administracións públicas, e por suposto de toda a cidadanía, unha loita efectiva contra o machismo e a cultura patriarcal que impregnan aínda a nosa sociedade.

Relacionados