PORQUE OS TEMPOS SON CHEGADOS,
SUMEMOS ESFORZOS POLA REFUNDACIÓN DA ESQUERDA
Os tempos son chegados. O pobo quere esquerda.
O Capitalismo non é humanizable. Por iso, os programas políticos de acomodo, de reforma, fracasaron. Non, o capitalismo non é humanizable porque o capital non quere esquerda. Non quere obstáculos na súa desenfreada carreira por acumular beneficios.
O Capitalismo non é humanizador: esnaquiza o medioambiente, desfai as relacións sociais, corrompe a actividade política, confronta e mata seres humanos de forma activa, coas guerras de expansión, e de forma pasiva, permitindo que milleiros de persoas morran de fame cada minuto. O capital non quere esquerda. Non é democrático.
Os tempos son chegados. O pobo quere esquerda. O capitalismo logrou que nos atomizáramos; acadou que discutamos entre nós por matices e que nos perderamos nos cruces de camiños para impedir que cheguemos ao punto de encontro e diálogo desexado.
E mentres o facía, de forma calculada, divulgaba desde os seus altares mediáticos que “Non hai alternativa”. Tanto insistiron que domesticaron consciencias, actitudes e hábitos. Negaron a nosa afirmación, a nosa alternativa.
Pero hai alternativa: a esquerda transformadora. Abonda xa de perder o tempo en personalismos ou en protagonismos de portada que a nada nos levan. Temos a obriga de recompoñer as pezas do mosaico ferido.
Refundar a esquerda é iso: unha suma de esforzos. É unha suma para confluír nunha serie de premisas mínimas, pero básicas. Sinxelas, pero transparentes. Para construírmos entre as persoas e organizacións que nos comprometamos os piares da esquerda alternativa, transformadora, anticapitalista que precisa o pobo.
Non será doado, pero é necesario. Temos que sumar o que nos une.
Galicia precísao. Temos que frear a quebra da dignidade humana. Hoxe, todos os eidos esenciais da nosa sociedade están en perigo: a nosa lingua e a nosa cultura; o medio ambiente e a economía; a educación, a sanidade e os servizos públicos… todo é cobizado pola voracidade do capitalismo para sometelo a unha privatización que impediría para sempre a igualdade de oportunidades. Temos que impedir a legalización da discriminación económica e social.
NECESITÁMOSTE A TI, MULLER, A TI, HOME, A TI, POBO