Comunicado conxunto de EU A Coruña e IU Puertollano ante o ERTE de Repsol

Tras un ano marcado por unha crise sanitaria que condicionou enormemente as vidas da cidadanía e que causou un gran impacto económico a nivel global, unha vez máis é a clase traballadora a que paga as consecuencias en maior medida.

A empresa REPSOL, que chegou felicitar e considerar como imprescindibles e esenciais ao conxunto dos seus traballadores nas súas refinerías, anuncia neste mes de abril un ERTE nas súas plantas da Coruña, Puertollano e na súa filial Petronor en Muskiz (Biscaia), o cal afecta a un total de case 1.000 traballadores e traballadoras que se ven abocados a un ERTE de 6 meses de duración, despois de pasar un ano adaptando as súas xornadas laborais, incluso con horarios de 12 horas continuadas, para garantir a actividade industrial.

Os motivos do ERTE que traslada REPSOL á representación dos traballadores e traballadoras son exclusivamente de organización e produción, ante o cal os comités de empresa posiciónanse esixindo a acreditación destes motivos, para eles non reais xa que a produción segue, mais derivada a outras plantas. Os motivos de produción, sen seren económicos, non poden afectar directamente ás plantillas; menos aínda cando Repsol é unha empresa que tenta caracterizarse pola súa grande responsabilidade social, e que ademais obtivo inxentes beneficios no derradeiro ano, cun beneficio neto axustado de 320 millóns de euros e un beneficio operativo de 1.009 millóns de euros, e acaba de anunciar un beneficio de 648 millóns no primeiro trimestre do ano.

Estas razóns supostas de produción, non xustificadas por agora por parte da empresa, levan a pensar que o plan de Repsol poda ser máis ambicioso.

Non é baladí que Repsol anuncie o ERTE o 8 de abril, tan só un día despois do anuncio do comezo da negociación do novo convenio colectivo que diminúe considerablemente as condicións laborais das súas plantas, cunha rebaixa salarial de ata o 10%, e no mesmo día no que se estaba a aprobar no Congreso dos Deputados a Ley contra el cambio climático.

Por todo elo, desde as agrupacións de Izquierda Unida de Puertollano e de Esquerda Unida de A Coruña, queremos manifestar o apoio ás plantillas e ás súas familias, así como a todos os traballadores e traballadoras que de forma indirecta quedarán tamén afectados.

Non nos xogamos unicamente as condicións destas plantillas duramente golpeadas; xogámonos o futuro industrial do país. Ante isto, esiximos unha política industrial activa e valente que, no camiño cara á transición enerxética, garanta que esta será xusta, e que non deixará a ninguén atrás.

Esiximos tamén a Repsol que asegure e garante a supervivencia das plantas e dos empregos, tanto directos como indirectos, mediante un urxente plan de inversións e melloras que aseguren o futuro industrial de todas as súas refinerías, adaptados aos novos marcos normativos fronte ao cambio climático.

Relacionados