Dende Esquerda Unida Compostela queremos denunciar o trato de favor que dende as distintas Administracións Públicas se realiza á Igrexa Católica coa visita do Papa a cidade de Santiago de Compostela. Pois no marco dun Estado aconfesional, artigo 16 da Constitución, a cidadanía non ten porque costear as visitas pastorais de quen ven a predicar doutrinas que lexitiman a sumisión e discriminación da muller e dos homosexuais, representando a unha institución que ataca o uso do preservativo, mentres morren miles de persoas a causa do SIDA, e que mantén una actitude deplorable ante os casos de pederastias acaecidos no seu seo.
Queremos denunciar tamén a irresponsabilidade deste desembolso económico nun contexto de crise, co 15,58% da poboación galega desempregada e cun anuncio de recorte de 1400 millóns de euros nos orzamentos autonómicos que afondarán na desprotección social e na precarización dos servizos públicos.
Dende o consello comarcal rexeitamos a situación de excepcionalidade que se producirá o 6 de novembro co despregue de 6000 efectivos entre Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil, e o corte das calles dende San Lázaro ao Obradoiro ao aparcamento coas consecuentes molestias para os veciños da cidade. A visita do Papa non pode ser a escusa para o recorte de dereitos á cidadanía e a instalación dun Estado policial na cidade de Compostela.
Estado policial que se manifesta lamentablemente nas actuacións levadas a cabo no barrio de San Lázaro, e que denuncia o Movemento polos Dereitos Civís, como son os rexistros en vivendas sen orde xudicial, “solicitando” a retirada de carteis críticos coa visita do Papa. Actuacións que condeamos enerxicamente e que mostran a falta de liberdade de expresión que aínda hoxe en día perdura nos temas relacionados coa Igrexa.
Dende Esquerda Unida apoiamos as diferentes iniciativas que dende diversos colectivos sociais se están a organizar en oposición ás actuacións levadas a cabo pola presenza do Papa en Galicia, chamando a cidadanía compostelá a mostrar o seu rexeitamento na manifestación que se levará a cabo o vindeiro 4 de novembro.
Por todo isto dende EU Compostela manifestamos una vez máis a nosa defensa dun Estado Laico.