Concelleira de des-igualdade

 

“Somentes hai ou ignorancia ou unha ignominiosa provocación”, sinala Sari Alabau, responsable de EU neste materia.

 

Esquerda Unida esíxelle unha inmediata e clara rectificación á concelleira da des-igualdade que evite equiparacións inaceptables entre un ismo (o machismo) que causa morte, dor e discriminacións e outro ismo, o feminista, que leva anos de loita a prol da igualdade e dos dereitos humanos.

 

Esquerda Unida entende necesario  que a responsable municipal emprenda un xiro de 180 graos no seu quefacer en materia de muller, de xeito que desenvolva unha acción pública eficaz desenvolvendo todas as previsións contidas no II Plan de Igualdade e o faga atendendo o saber e suxestións das entidades de mulleres e feministas que conforman o Consello sectorial de Muller. Tense que acabar situacións inaceptables onde datas senlleiras non se preparan ate o penúltimo día e sen contra co tecido asociativo de mulleres, solapando actos e convocatorias nun mal facer da concellería.

 

Hoxe á concelleira tócalle desculparse diante de tantas mulleres que loitan e loitaron coa bandeira intelectual e moral do feminismo e perante unha sociedade que non recibe senón con desacougo manifestacións que se descoñecían dende a ditadura. O feminismo, os feminismos, son unha ferramenta central  que as mulleres, e o conxunto da sociedade concienciada, temos para derrotar a esa alianza entre patriarcado e capitalismo da que hoxendía o seu máis caracterizado representante político é o PP.

Relacionados