Concellos creadores de emprego

 

Dende Esquerda Unida levaremos a cabo, nos concellos nos que esteamos representados, unha serie de medidas de autonomía financeira que pasan por unha auditoría da débeda pública do municipio. Neste senso, Esquerda Unida quere saber a orixe da débeda municipal e saber que empresas se beneficiaron do diñeiro público; mais tamén coñecer que contía da débeda vai asociada á prestación de servizos que non son competencia do concello e que posúen unha financiación doutras Administracións insuficiente e tardía. En materia de progresividade fiscal, pedimos que os impostos e os seus recargos ou as taxas e prezos públicos recollan principios de equidade, suficiencia e progresividade. Polo tanto, revisaremos as normativas municipais en función deste criterio de solidariedade fiscal.

Respecto a estas demandas, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, pensa que “é preciso acabar coa economía mergullada e a Fraude Fiscal e, para iso, faise necesario a reforma da lexislación tributaria, sancionadora e inspectora; así como a persecución das operacións en paraísos fiscais”, precisa. “Queremos planificar unha economía que supere o modelo perverso que agravou a crise no noso país. Apoiaremos á pequena empresa e á economía social e cooperativa para crear unha economía forte que non se base no sector servizos ou o turismo de baixos salarios”, sinala.

Dende Esquerda Unida defendemos que, para lograr un bo modelo público de xestión, é preciso mudar de modelo produtivo actual que, precisamente, foi causante desta crise. Temos que avanzar na definición de novos nichos de emprego nos eidos social e medioambiental.

Máis polo miúdo, Esquerda Unida promoverá a posta en marcha dun modelo público de xestión nos concellos que signifique un proceso gradual de remunicipalización de servizos, hoxe privatizados, e promoverá a creación de consorcios públicos en sectores estratéxicos. Ademais, non someterá a privatización dos servizos básicos.

Emprego digno e de calidade

Os concellos nos que estea presente Esquerda Unida perseguirán a procura do emprego digno e de calidade. Para iso, farase una planificación de persoal para toda a lexislatura capaz de cumprir co obxectivo de mellorar os servizos públicos e atender á cidadanía, ademais da creación dunha Axencia de Colocación Municipal e dunha Estratexia Municipal polo Emprego.

Neste senso, controlarase as empresas contratadas para prestación de servizos para que as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras non sexan discriminatorias.  Tamén apoiaremos a creación de cooperativas e empresas de economía social para a xestión de determinados servizos desde unha óptica de complementariedade da xestión da Administración Pública.

 

Neste ámbito, introducirase nos pregos de condicións de obras e servizos municipais que as empresas introduzan criterios de redución da xornada laboral (35 horas semanais) asociados á creación de emprego. Tamén darase un impulso do modelo de mercados produtores fronte ao de intermediarios, á defensa da soberanía alimentar e ao comercio de barrio e ao comercio xusto.

Relacionados