Concentración CHUAC

Esquerda Unida denuncia a intención dos gobernos do PP de privatizar a sanidade pública e de hipotecar a calidade da mesma. A Consellería de sanidade pretende por en mans privadas o servizo de mantemento no CHUAC mediante o plan integral de eficiencia enerxética (PIEE). Semella que de maneira camuflada os actuais gobernantes ceden a empresas privadas as áreas de onde se pode extraer beneficio a costa do erario público, é dicir, poñen cartos de todas e todos para que outros fagan negocio en detrimento da nosa saúde.

Esta actuación se enmarca dentro dun eido de privatizacións como: a historia clínica, a receita electrónica, a central de chamadas, os teléfonos de información, a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, o mantemento dos equipos, os servizos informáticos, o almacenamento e distribución de material sanitario, a investigación e a docencia. Moitos traballadores públicos quedan relegados e sen función mentres o Sergas paga a empresas externas por servizos que eles viñan realizando á perfección.

A maior abundamento, o dous de xaneiro foi publicado no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) o anuncio dun concurso para a privatización do servizo de esterilización. O contrato ascende a 160 millóns de euros, e pode entregar a unha empresa privada este servizo para toda Galicia. Esta proposta resulta alarmante, e pode afectar a centos de traballadores públicos que actualmente realizan estas tarefas con absoluta garantía e calidade.

Ante tal situación, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes apoia e difunde a concentración que terá lugar o venres ás 11h no CHUAC contra a privatización dos servizos de mantemento e de esterilización, pois consideramos que son tempos de excepción nos que urxe que a cidadanía reivindique os dereitos que nos están arrincando sen ningún tipo de pudor. Ademais, o PP engana cando asegura que estas actuacións son precisas por ser insostible o sistema actual. Argumentario simple e falaz que repiten unha e outra vez para xustificar as privatizacións e externalizacións. A realidade amosa que o que nos están vendendo como grandes oportunidades de mellora son verdadeiras ameazas para derrubar un alicerce básico do Estado do Benestar.

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou  que “facemos un chamamento a toda a cidadanía para que se sume a esta mobilización en defensa da sanidade pública”. A sanidade pública atópase nunha situación de perigo. De seren definitivas algunhas das propostas actuais serán moi difíciles de reverter nun futuro. Están xogando cos nosos dereitos coma nunha ruleta rusa na que ou os cidadáns intervimos impedindo esta tolemia ou verémonos afogados nunha bancarrota despoxada de garantías sociais pregada de inxustizas.

Relacionados