Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, denuncian o concerto que a Xunta de Feijóo vén de facer público cunha UTE (unión temporal de empresas) de Fenosa e a Academia Vaughan. O obxectivo de tal acordo, polo que a UTE recibirá 300.000 euros, non é outro que impartir aulas presuntamente en inglés durante unha semana a 500 alumnos nos Peares. “Como xa denunciamos en comisión o pasado 11 de outubro”, explican Ron e Vázquez, “mentres os alumnos e as alumnas deste país non poden facer inmersión na lingua propia de Galicia, a Consellaría de Educación posibilita a mentira, a deformante ilusión, de vivir integramente en inglés”.
“Unha vez máis, o Goberno galego traballa na privatización do ensino público”, engaden, “racha os principio básicos de mérito e capacidade, piares do acceso á función pública docente, e múdanse pola contratación á carta propia das empresas privadas”. A consellaría que dirixe Jesús Vázquez, persoa ferozmente belixerante contra o dereito de todas e todos a un ensino público e de calidade, ataca así ao profesorado que nas listas de substitución agarda un contrato laboral. O estraño proxecto tampouco conta para nada cos docentes dos centros de onde procede o alumnado, nin integra a programación dos centros. A Xunta de Feijóo é unha fiel seguidora da devastadora política do ministro Wert, cuxa última fazaña consistiu en modificar os criterios das bolsas Erasmus con carácter retroactivo. A presión social obrigou ao ministerio a dar marcha atrás en horas.
Alternativa Galega de Esquerda sospeita que esta operación -300.000 euros para un acordo entre Fenosa e a Academia Vaughan- unicamente responde a compensacións da Xunta á compañía eléctrica “pola errática política da Xunta en materia eólica”. “A cambio de manter contenta á empresa”, conclúen Ron e Vázquez, “a Xunta privatiza a docencia e vulnera os principios que guían a función pública docente”.