Concesionaria de aves

O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes insta ao concello da Coruña a revisar a actuación e o custo do servizo de control de aves prestado pola adxudicataria LUCUS AVIS dende o ano 2006. Porque segundo denuncias recibidas no noso grupo municipal, son varias as veces nas que se avisou á empresa da situación agónica na que se atopaban gaivotas, mais a empresa non actuou en ningunha destas ocasións, permanecendo días os cadáveres.

Esquerda Unida denuncia que a mesma concesionaria cobra preto do dobre na Coruña que en Ferrol cunha poboación de aves semellante, polo que require coñecer pormenorizadamente como se destinan os 167.256 € anuais que custa este servizo, se temos en conta que as poboacións de gaivotas, pombas, estorniños e demais aves, comparada cunha cidade coma Ferrol, que posúe un hábitat semellante ao coruñés para estas aves, e que é xestionada curiosamente tamén pola mesma empresa, ten un custo de 90.000€.

Se temos en conta que as poboacións destas aves foron xa reducidas considerablemente nos anos precedentes, e que na actualidade só se precisa controlar ás súas poboacións, non se comprende como esa labor de redución, desprazamento e elaboración anual de censos poida supoñer a contía do servizo.

 

Por outra banda, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as técnicas empregadas para o control resultan así cruentas por partida dobre, pois o son tanto para as aves como para a poboación, xa que supoñen un gasto pouco xustificable en relación á actividade desenvolvida”.

Relacionados