Conclusións do Informe do Valedor

A xuízo do deputado de AGE Xabier Ron, “este informe incide no comportamento contraditorio ao que debe ter unha administración pública que, en primeiro lugar, debe garantir os dereitos de cidadanía dos galegos e galegas. Por iso abraia que, con respecto a 2013, o número de queixas individuais aumentara en un 28%”, sinala, o que deixa ver que “o Goberno está a incumprir as súas obrigacións”.

Respecto a estas demandas, Xabier Ron explica que “se nos centramos nas queixas que teñen como obxectivo a acción da Xunta de Galicia, o 86,40%, é dicir, unhas 8.342 de 9.655, afectan directamente á Consellería de Educación e á Consellería de Sanidade”.  “Este número alarmante xa non é nada novo, xa que é algo que leva anos denunciando grupos como Alternativa Galega de Esquerda: a degradación constante a que está sometendo o executivo galego aos servizos públicos básicos e que deberían ser os máximos expoñentes para a defensa e garantía dos dereitos de cidadanía”.

“Con respecto ás diferentes áreas traballadas no Informe do Valedor do Pobo, compre destacar basicamente as irregularidades existentes en áreas tales como emprego público, onde aparecen irregularidades nos procesos de selección de persoal; algo que non debera existir; tamén o uso perverso do silencio administrativo. En materia de vivenda, este informe denuncia as deficiencias en vivendas de protección oficial, desafiuzamentos por débeda hipotecaria e de que existe unha urxente necesidade de crear un fondo social de vivendas, pero require unha acción por parte da Xunta de Galicia en cooperación dos concellos e o Estado”, di Xabier Ron.

Crítico coa negación da Xunta a vivir con dignidade, Ron destacou “a necesidade de poñer en marcha medidas para garantir ou acceso a unha vivenda, de atender a dependencia e de cubrir a pobreza enerxética”, entre outras.

Fronte a iso, denunciou tamén “o desmantelamento das unidades de servizos sociais, tanto en recursos humanos como materiais”. E respecto á educación, criticou o dano que causa a LOMCE a educación pública. Ademais chamou á necesidade de crear mellores infraestructuras nos centros.

Atención a persoas en situación de dependencia

Múltiples son tamén as queixas da sociedade galega referidas ao incumprimento sistemático por parte da Xunta da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención a Persoas en Situación de Dependencia. Dende Esquerda Unida consideramos que é imprescindible que as políticas sociais impliquen unha aposta radical pola promoción da autonomía persoal e pola igualdade de dereitos das persoas con discapacidade e das persoas maiores, e non se limiten a parte meramente asistencialista, a única que parece interesar ó goberno do PP pola súa deriva mercantilista e de negocio.

Esquerda Unida denuncia que a atención á dependencia atópase nunha situación crítica cunha fase de desguace da Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, agravada por carecer en Galicia dun sistema público de servizos sociais axeitado para as demandas sociais da poboación.

A privatización na xestión das políticas sociais está tendo consecuencias demoledoras na calidade da atención. Miles de persoas teñen recoñecido en Galicia o dereito a atención como dependentes e, sen embargo, seguen, e mesmo morren moitas delas, nunha lista de espera para recibir unha prestación, que teñen xa concedida.

A pobreza infantil, unha problemática a tratar de forma transversal

Respecto aos menores, o deputado de AGE xa pediu un estudo co fin de que se elabore un plan de detección das carencias nutricionais na poboación infantil e atacar a problemática.

“Tivo que ser o Valedor do Pobo quen iniciara ese estudio que solicitábamos e que destaca que aínda hai moita falta de información nunha problemática que se debe atallar, non pechando os comedores escolares, senón combinando todos os eixos de actuación dende ás familias, algo aínda máis difícil de conseguir agora, xa que os servizos sociais municipais están sendo desmantelados”. A xuízo de Ron, esta problemática “debe atallarse dende un proxecto transversal que permita ás familias contar cunha renda básica e con programas complementarios para ofrecer unha solución”, apreciou.

“Por último, quero acabar por un colectivo que non pode acudir ao Valedor do Pobo. Son as persoas migrantes, que sofren exclusión sanitaria e viven a denegación de axudas como o acceso do RISGA, ou a persecución policial, por iso asumimos que aínda queda moito por facer”, rematou.

 

Relacionados