Esquerda Unida alerta de que o goberno municipal está a aplicar o dedazo tamén na contratación de persoal. O reparto de prazas de funcionario a dedo é unha práctica habitual do PP, que restrinxen a condición de funcionario a un premio político outorgado polo poder. Creación de postos de alta dirección, múltiples traslados arbitrarios e unilaterais de persoal, concursos ad hoc cunha soa praza para un só candidato e tribunais de dubidosa composición perverten a condición de empregado público. Con estas prácticas contaminan a administración e conseguen encher as institucións con persoal que debe o seu éxito laboral ao partido.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o goberno local incumpre a normativa nomeando un tribunal ilegal para avaliar a praza de intendente local. Os tres vogais titulares nomeados para o tribunal, que son mandos e funcionarios da policía local, non poderían formar parte do mesmo, xa que segundo o artigo 28 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento administrativo, unha das causas de recusación e ou de abstención para os membros dos tribunais de oposicións é a de ter relación de servizo con persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou haberlle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.
O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “a actitude caciquil do PP está chegando ao seu punto límite, non so contrata a dedo a empresas, senón que fai o mesmo para contratar a dedo. Cando EU teña capacidade de goberno erradicará de raíz todo este tipos de actuacións amorais” .