Condena a Conde Roa

A sentenza condenatoria con Conde Roa debe ser un exemplo a seguir contra a corrupción que afecta a moitas persoas, que baixo amparo dos partidos do sistema, buscan o seu beneficio persoal a costa da cidadanía, a costa da Democracia.

É execrable o que o Partido Popular esta a facer contra a nosa cidade, contra Santiago. É lamentable o fedor a corrupción que emana do Concello e se investiga nas operacións xudiciais Pokemon e Manga. Demandamos que a xustiza actúe con dilixencia e xulgue definitivamente, e condee se é preciso, as presuntas accións corruptas do equipo de goberno de Ángel Currás e que se ditamine a culpabilidade ou non de todos os cargos públicos implicados nas investigacións xudiciais que paralizan o Concello de Santiago ao mesmo tempo que levan á ruína á ética e á propia democracia.

Por desgraza, é evidente que a ética e a moral fuxiron fai tempo deste Concello. Como é posible, por exemplo, que Juan de la Fuente siga sendo concelleiro, como pode representar as veciñas e veciños un concelleiro que se negou a testificar ante un xuíz, é un dereito que todos temos como cidadáns, pero como cargo público ou es transparente na túa xestión ou a dimisión é o único camiño.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela, hoxe máis que nunca, a Democracia Participativa ten que ser unha realidade no día a día das veciñas e veciños, teñen que comprobar que a súa participación na vida do Concello é moito máis que ir a votar unha vez cada catro anos. Se co PSdeG e BNG era unha utopía, co PP unha quimera.

Como é posible que a cidadanía non poda todavía ser partícipe na elaboración dos orzamentos municipais. Cal é o medo dos partidos do sistema a escoitar as veciñas e veciños e facer real a nosa demanda de Orzamentos Participativos?

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantén firme o seu compromiso para que sexan a transparencia, a ética e a moral as que gobernen esta cidade, e non o lucro persoal, os tratos de favores, o clientelismo e a corrupción.

Relacionados