Tal e como defende o noso Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, non podemos permitir que os recortes e retrasos en materia de transporte ferroviario volvan a retrasar a economía do país. Esquerda Unida esixe ao Goberno municipal que se mova dunha vez e pelexe pola conexión por tren para Punta Langosteira. Gastouse moito diñeiro no porto exterior, cando había cousas prioritarias como sanidade ou servizos sociais, pero unha vez realizada a obra a conexión por tren é prioritaria. O Ministerio que lidera Ana Pastor destina a conexión por tren con Punta Langosteira soamente 50.000 euros para o próximo ano e ningunha cantidade nas previsións dos exercicios seguintes. Nin o Porto nin a Fomento se atreven a dar unha data concreta na que podamos contar coa devandita conexión. Mentres o porto interior coruñés incrementou o ano pasado o tráfico de ferrocarril un 149% e ese salto non encontra correspondencia cos plans para reforzar a conectividade coa darsena exterior. Galigrain será a segunda compañía que dispoña de concesión na dársena exterior, despois da primeira de Hormigones Carral. A espera de Pemex e Repsol, pero o futuro é incerto e difuso no tempo.
Para que Punta Langosteira actúe como revulsivo económico é imprescindible que se conclúan e se aproveiten dunha vez as instalacións do eivado porto exterior, creando as conexións axeitadas, tanto por estrada como ferrocarril, para facer os traslado pertinentes das actividades que actualmente son desenvolvidas nese Peirao, coma o almacenamento de Carbón destinado á central de Meirama (co que tamén se eliminaría a contaminación recibida pola veciñanza dos Castros e Oza), así coma dos grans de cereais, graneis, etc.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “acelerar a construción de Langosteira sen o tren sómente serve para sacar unha foto moi cara na inauguración. Que o porto exterior non vaia ter un enlace ferroviario antes de empezar a operar non ten sentido. O tren é prioritario para poder exercer o transporte de mercancías que require un porto destas características.”
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno Municipal a que clarifique os compromisos con Repsol ata 2018. Se estamos nun “camiño sen retorno” e “la primera fase es importantísima para que, no más tarde del 2018, nos olvidemos de los petroleros en la ciudad”, como explicaba onte o alcalde, os grupos políticos e a veciñanza precisamos coñecer qué sucederá na cidade. Precisamos unha explicación pormenorizada de tódolos puntos do acordo de traslado de Repsol a Punta Langosteira e como afectará a falta de conexión ferroviaria ao traslado.