Conflito de Povisa

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda lamenta que a hipocrisía e cinismo da Confederación de Empresarios de Pontevedra non teña límites. Onte, o presidente da CEP, Luis Novoa facía a seguinte declaración aos medios de comunicación nas que dicía que “sen entrar no fondo da cuestión non é de recibo o emprego das medidas coercitivas ou de presión para solucionar calquera conflito laboral, actuacións que quedan fora do diálogo e do marco xurídico legal” en relación ao que cualificou como “acoso violento aos membros da directiva de Povisa que atenta directamente contra os dereitos fundamentais das persoas que o padecen e poñen en risco a súa seguridade”. O grupo parlamentar de AGE mantén que o presidente da CEP ten razón cando di que non é de recibo utilizar medidas coercitivas ou de presión para solucionar conflitos laborais (e non laborais), xa que son actuacións que quedan fora do diálogo pero se equivoca a hora de sinalar os que as empregan xa que é a Dirección de Povisa a que aplicou estas medidas negándose ao diálogo e impoñendo unilateralmente un convenio colectivo que lesiona gravemente os dereitos dos traballadores/as e reduce os seus salarios nun 40%. “Iso é violencia e non un simple abucheo a quen intenta enriquecerse (aínda máis) a costa da calidade de vida dos seus traballadores, da saúde dos seus pacientes e dos cartos públicos” afirmou a deputada de AGE, Consuelo Martínez.

Así mesmo, en canto ao “marco xurídico legal”, Luis Novoa parece non entender que o Dereito de Manifestación e o Dereito de Expresión están recollidos na Constitución Española e non constan sen embargo como Dereitos Fundamentais o “Dereito á explotación do traballador”, nin o “Dereito á degradación da Calidade Asistencial”, nin o “Dereito a lucrarse con diñeiro público”.

Por outra banda, o grupo parlamentario de AGE quere manifestar o seu rexeitamento á utilización da violencia como medio para solucionar calquera conflito e o respecto máis profundo aos Dereitos Fundamentais das persoas recollidos na Constitución Española, polo que ven de presentar unha iniciativa parlamentar para que a Consellería de Sanidade informe sobre o cumprimento da legalidade laboral en Povisa, a calidade asistencial que presta este hospital concertado, os ratios de persoal por paciente, o emprego dos cartos públicos que recibe pola a prestación sanitaria concertada e os motivos que provocan que Povisa teña a lista de espera maior de Galiza.

Relacionados