Consello da mocidade

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes apoia propostas como fomento das enerxías renovábeis, redución dos emolumentos dos cargos públicos, solidariedade cos inmigrantes, ou habilitar espazos públicos para a socialización da mocidade emanadas no pleno xuvenil de Culleredo. De todos é sabido o caracter solidario da nosa organización, especialmente cos máis desprotexidos como o colectivo inmigrante, co que EU-V trata de axudar apoiando accións da Asemblea sen Papeis da Coruña ou participando como membro de pleno dereito do Foro da Inmigración. Asemade a ninguén se lle escapa o esforzo que está a desenvolver a nosa organización na procura do cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo, pondo a énfase no fomento das enerxías renovábeis para reducir a nosa dependencia enerxética. Así o amosamos nos Plenos, nas achegas feitas nas ordenanzas fiscais e nas críticas as políticas económicas desenvolvidas tanto polo PSOE como agora polo PP.

 

Tamén é coñecida a nosa aposta pola austeridadenos cargos públicos e a necesidade de que sexan estes os primeiros en dar exemplo, por iso propuxemos unha redución do 25% dos emolumentos de todos os cargos públicos, persoal de confianza e altos directivos, proposta que non foi aceptada por ningún outro grupo municipal pero que se autoaplicou o noso concelleiro, doando o 25% dos seus ingresos nun exercicio de coherencia.

 

tamén coincidimos na necesidade de habilitar espazos de lecer para a mocidade. Así estamos a defender a habilitación de zonas reservadas e autoxestionadas onde a mocidade poida reunirse sen perturbar á veciñanza, promovendo actividades alternativas ao habitual botellón, que fomenten o espírito social, solidario e de respecto polos dereitos, ao tempo que permitan a redución do consumo do alcohol.

 

Esquerda Unida solicita a creación do Consello da mocidade para darlle voz a xuventude coruñesa, porque a participación dos mozos e mozas é unha ferramenta fundamental para realizar os cambios que necesita a sociedade, neste sentido queremos recordarlle ao Goberno municipal, que esta a falar de solucións consensuadas entre os distintos grupos políticos para o botellón que debe contar tamén coa mocidade para a toma de decisións, algo que vemos demandando dende vai tempo pero que tanto o Goberno bipartito como o actual do PP desoíron en innumerábeis ocasións.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella que a mocidade ten máis `sentidiño´ que algúns políticos, temos que escoitar as súas suxestións, non podemos seguir dándolle as costas ao noso futuro”.

 

 

 

Relacionados