Consello de Educación

 

As actividades extra escolares e a  garantía dunha xestión pública directa para a  escola infantil de Esteiro son os temas primeiros que a organización de esquerdas e ecoloxista quere que o Consello analise e valore, para mellorar a calidade do ensino público na nosa cidade.

 

A ampliación do perfil das actividades extra escolares será unha primeira cuestión que suscitará o representante no Consello, Javier Galán, para trasladar o malestar de moitas nais e pais que  entenden que as actividades ofertadas non son as que suscitan unha maior demanda dos proxenitores do alumnado. O concelleiro avanzará a necesidade de pactar un programa de actividades extraescolares  que satisfaga a demanda real existente e que non se constrúa no ar das decisións unilaterais do concello. Actividades que necesitan dun ulterior reforzo orzamentario público.

 

Tamén Javier Galán reclamará que a futura escola infantil de Esteiro sexa de xestión pública directa, que non se privatice como está a facer a Consellaría.  Os anuncios de licitacións privatizadoras das esoclas infantís de Monteporreiro en Pontevedra, Betanzos e Carballo non poden deixar de suscitar alarma e rexeitamento pola comunidade educativa, que é sabedora dos estragos que no eido da educación produce a conversión deste dereito nun mero negocio privado. Javier Galán reclamará un pronunciamento unánime en defensa dunha xestión pública directa da futura escola infantil de Esteiro.

 

Doutra banda o representante de Esquerda Unida avogará por acadar un unánime  compromiso municipal que pese diante da Xunta de Galicia cara a que esta asuma a xestión  – pública e directa-  dos comedores escolares o vindeiro curso, poñendo fin a anomalía inxusta e discriminatoria que se comete coa cidadanía de Ferrol. O Consello semella o órgano axeitado ( en atención a súa representatividade ) para estudar as mobilizacións a desenvolver para facer entrar en razón a cicatería da Xunta de Galicia, que nega a Ferrol o que lle da a mans cheas o ensino privado: cartos  públicos e compromiso.

 

Relacionados