Non chega que dende o concello se poida artellar de maneira unilateral unha proposta de actividades; esta será necesariamente millor se xorde dunha elaboración compartida, como a que nós reclamamos coa convocatoria do Consello Municipal de Muller, dándolle voz as ideas e propostas nadas do tecido social de mulleres.
Cómpre saír da apatía coa que o Goberno Municipal atende as cuestións vencelladas á loita conta a violencia de xénero e en xeral a todo o que afecta o desenvolvemento das políticas públicas de igualdade para formular de xeito partillado, no órgano municipal representativo, unha proposta de iniciativas e actividades que dote á programación municipal e das entidades asociativas da cidade da suficiente densidade e extensión para que abranga ao conxunto da cidadanía.
Yolanda Díaz salienta a importancia deste foro para artellar nel de xeito participado as políticas públicas a desenvolver no vindeiro exercicio orzamentario no que atinxe ás políticas de Muller. O Consello Municipal de Muller é o órgano axeitado para acubillar as propostas e iniciativas públicas e sociais que deben ter un amparo orzamentario no vindeiro exercicio. Queremos salientar o valor de facer efectiva, superando a actual parálise, as previsións e programacións contidas no II Plan de Igualdade, elaborado de xeito participado a instancias de Esquerda Unida.