Consello dos barrios

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que reunir aos presidentes das asociacións veciñais para sacarse unha foto é unha mostra máis do populismo que exerce o Alcalde, quen lonxe de querer promover participación cidadá gusta de actos pomposos e baleiros de contido, como o de onte que resumiuse nun acto propagandístico do que o goberno municipal vai facer o ano que ven esquecéndose que xa tivo 18 meses para facer algo do que di e non o fixeron. O goberno municipal defende estas actuacións en base a que están orzamentadas e que desenvolveran unha reorganización do Concello, o fan apesares de ter a absoluta seguridade de que os orzamentos son irreais e que son incapaces de executar máis dunha quinta parte.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en lugar de esperar ano e medio, este tipo de xuntanzas tiñan que realizarse periodicamente e dende o día seguinte da toma de posesión, e non como resposta a campaña “orzamentos do pobo” que está a desenvolver Esquerda Unida, Os Verdes, Equo e Espazo Ecosocialista, visitando tanto os distintos barrios da cidade como a universidade.

Esquerda Unida propón a creación do Consello dos Barrios como ferramenta real de participación cidadá, un órgano no que participe un representante de cada Asociación veciñal rexistrada, así como representantes da veciñanza de cada barrio en proporción a súa poboación, mentres que por parte da corporación participará un representante de cada grupo municipal, unha persoa en representación do goberno municipal e os empregados públicos que sexan necesarios para dar soporte ao órgano.

O Consello dos Barrios que en principio tería carácter deliberativo e consultivo, posteriormente podería constituírse na semente dos orzamentos participativos, ao ser o lugar adecuado para definir a proporcionalidade para cada barrio da partida que a corporación destine a que os veciños e veciñas poidan decidir os investimentos do seu propio barrio.

 

Relacionados