Consello municipal de educación

 

 

Na xunta que mañá celebrará o Consello Municipal, Esquerda Unida vai propor que este órgano  acorde elevar un pronunciamento o máis unánime posible á  Consellaría de Educación, no sentido de que retire as bases do decreto e retome o camiño do consenso e o acordo sociais sobre o respecto da legalidade vixente, o Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización.

 

A sociedade galega vén de rexeitar de plano este intento de imposición contra o galego de duvidosa legalidade incluso.

 

Sari Alabau aduce razóns de carácter social, pedagóxicas e laborais para que de inmediato se proceda a  súa retirada. As bases son un flagrante retroceso nas medidas para normalizar e pular por unha lingua minorizada e esnaquizan o consenso que neste eido normalizador presidira todas as actuacións dos diversos Gobernos da Xunta de Galicia. Lembra a concelleira de EU, que non é posible exercer a liberdade máis que en condicións de igualdade social, económica e cultural, que non se cumpren de maneira evidente na actual situación do galego.

 

Non son nen as familias nen os claustros os que teñen que exercer unhas competencias  que lle corresponden as institucións democráticas. Pseudo liberalismo e guerra nos centros son o que nos propón as bases do decreto.

 

Sari Alabau  indica que  a redución das materias en galego vai supor mermar a competencia lingüística do alumnado en galego. Asemade as bases non estabelecen mecanismos para garantir a competencia lingüística de ningunha das linguas, de xeito que se garanta a correcta aprendizaxe das materias, o que vai percutir negativamente nas taxas do  chamado fracaso escolar, e o fará sobre o alumnado máis feble socialmente.

 

Non podemos deixar de denunciar  a realidade da perda de dereitos laborais, por canto se quere obrigar ao profesorado a impartir o ensino nunha lingua que non é a súa.

 

Son razóns dabondo para que a representación da sociedade ferrolá presente no Consello se pronuncie de maneira nidia pola súa retirada, en consonancia co gran rexeitamento social que mereceu a antipolítica educativa do PP na manifestación nacional do día 21 pasado.

Relacionados