Continuan os lumes

O deputado Antón Sánchez insta ao PP a abandonar “as batalliñas” e abordar o despoboamento do rural como causa central nas vagas de lumes

Santiago de Compostela, 12 de setembro 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.

“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira [de Medio Rural, Rosa Quintana], amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. No debate do pasado martes, no pleno do Parlamento, a responsábel de Medio Rural “deu datos falsos e non abordou os cambios en profundidade que precisa o modelo agrario e forestal en Galicia”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

Relacionados